A Xunta aposta pola profesionalización do sector apícola cun curso sobre cría de raíñas e selección xenética en Monforte de Lemos

A acción formativa, que se levou a cabo a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agrícola de Monforte de Lemos

Desenvolveuse ao longo de dúas xornadas e tivo unha duración de oito horas nas que os profesionais do sector recibiron formación tanto teórica como práctica
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), vén de organizar un curso sobre cría de raíñas e selección xenética dirixido á profesionalización do sector apícola. A acción formativa, que rematou esta semana, tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agrícola (CFEA) de Monforte de Lemos e desenvolveuse ao longo de dúas xornadas de oito horas.

O curso introduciu aos apicultores no mundo da cría de raíñas e da selección xenética, co fin de acadar producións máis estables co mínimo traballo. Para iso, a programación do curso contou primeiramente cunha parte teórica na que se afondou nos fundamentos da cría de raíñas e da xenética das abellas, así como nos sistemas de crías máis utilizados. Por outra banda, ofreceuse unha parte práctica na que se ensinaron tanto a técnica do traslarve e preparación do iniciador, como o uso da incubadora, marcaxe e preparación das raíñas para o control de nacementos.

Deste xeito, o modo de traballo dos docentes do curso consistiu na transmisión dos coñecementos aos alumnos, animándoos a conseguir as metas marcadas por medio dun espazo no que fluíu o intercambio de ideas e opinións entre docente e alumnos, unha cuestión moi importante na aposta pola profesionalización do sector apícola.

Precisamente, a Xunta impulsa accións formativas coma esta, que se enmarcan no Plan de formación continua 2021, co fin de mellorar a produtividade de agro e potenciar a remuda xeracional e así poder consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego. Toda a información sobre as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.