A Xunta convoca 11 bolsas de formación en proxectos do Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura reafirma con esta convocatoria o seu compromiso coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua galega

As solicitudes xestiónanse desde a sede electrónica ata o 19 de agosto

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia vén de convocar 11 bolsas de formación en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria.


Como publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) os proxectos incluídos na convocatoria traballarán en aspectos relacionados co legado científico de Jürgen Untermann, o Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), a Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA) ou a Terminoloxía Científico-Técnica. Tamén traballarán nos proxectos referidos a informes de literatura, recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos, lírica profana galego-portuguesa, bibliografía de referencia do Arquivo Galicia Medieval, así como sobre a dimensión da identidade colectiva de Galicia e o de Legados Literarios.


Trátase de 11 bolsas que supoñen a reafirmación do compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua galega, co fin de avanzar na súa normalización e promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.


As persoas interesadas en concorrer á devandita convocatoria poden presentar as súas solicitudes ata o 19 de agosto, exclusivamente por vía telemática desde a sede electrónica da Administración autonómica. Toda a información está publicada no Portal da Lingua Galega.

Requisitos de acceso

Poderán solicitar estas bolsas as persoas que reúnan, os requisitos específicos que se sinalan para cada proxecto de investigación así como posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea. Tamén estar en posesión do título universitario de licenciatura ou grao exixido no proxecto para o cal presente a solicitude ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes ao curso académico 2007/2008 ou posterior. É preciso creditar o coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, agás quen acredite estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes; non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro e posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos. Os bolseiros desenvolverán o seu labor neste centro, o que supón unha oportunidade para iniciaren a súa actividade no eido da investigación.

27 anos na vangarda da investigación e da formación lingüística

O Centro Ramón Piñeiro é un organismo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que se encarga de impulsar e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, da literatura medieval, da recuperación de publicacións literarias ou da identidade colectiva desde o punto de vista antropolóxico.

Destaca pola relevancia dos seus proxectos e mais pola súa contribución á formación investigadora. Desde a súa creación hai 27 anos, pasaron por el máis de 500 investigadores diferentes, tanto bolseiros e bolseiras galegos que se formaron participando nos seus proxectos coma outros estranxeiros de estadía durante un trimestre para desenvolver traballos de investigación propios baixo o asesoramento dos directores dos proxectos, semellantes aos dos seus centros de procedencia. Moitos deles son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes no ensino medio que, desde os postos actuais, seguen ofrecendo importantes contribucións ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.

Imaxes relacionadas