A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta semana co alcalde

Medio Ambiente colaborará co concello de Xunqueira de Ambía para mellorar o seu centro histórico

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladoulle ao alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, o compromiso de colaboración na mellora e humanización do centro histórico do municipio.

A conselleira e o rexedor mantiveron esta semana unha reunión na que repasaron as actuacións de interese para o concello e na que Gavilanes solicitou apoio nun proxecto por parte da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

En termos xerais, a intervención consiste na urbanización dun espazo público do centro histórico, onde se quere apostar por un empedrado tradicional e retirar engadidos, instalar tubaxe para a recollida de augas e a conexión ao saneamento, substituír as luminarias actuais por unha máis eficientes e soterrar o cableado.

Durante a reunión, a conselleira tamén aproveitou para felicitar ao alcalde por apostar pola recuperación do patrimonio edificatorio, coa que abrir unha oportunidade de vida e futuro aos máis mozos. Recordou que a Xunta dispón do programa Fondo de Cooperación, coa que axuda ás entidades locais a recuperar inmobles do seu termo municipal, e apostar así pola revitalización social e económica dun concello rural.
 

Imaxes relacionadas