Medio Ambiente destina case 140.000 € ás tarefas de seguimento das poboacións piscícolas nos ríos

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural acaba de asinar os contratos de adxudicación para a realización de mostraxes en tramos fluviais seleccionados das catro provincias

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina preto de 140.000 euros aos traballos de seguimento das poboacións piscícolas nos ríos galegos.

Trátase dunhas tarefas fundamentais para coñecer e diagnosticar o estado desas poboacións, así como contrastar a eficacia das medidas de xestión adoptadas e a sostibilidade dos sistemas de explotación que soportan.

Así, en virtude dos contratos adxudicados, levaranse a cabo mostraxes xenéricas en tramos fluviais seleccionados das catro provincias galegas nos próximos dous anos.

A importancia destas tarefas radica no feito de que os ecosistemas fluviais son de vital importancia no ámbito natural, polo que súa a conservación é esencial, sobre todo tendo en conta que unha boa representación deles goza dalgún tipo de protección —Rede Natura 2000 ou Rede Galega de Espazos Protexidos—.

Asemade, os eixos fluviais, protexidos ou non, son corredores ecolóxicos que poñen en contacto áreas de gran valor e albergan poboacións animais ou vexetais que dependen enteiramente do bo estado das poboacións piscícolas, compoñente esencial deses ecosistemas.

Engadir que o aproveitamento directo ou indirecto dos recursos naturais, entre eles os recursos piscícolas, é un dos piares do desenvolvemento rural, e asegurar a súa abundancia e bo estado de conservación contribúe á fixación da poboación nestas contornas.

Cómpre recordar que estes contratos contan con recursos do Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader).
 

Imaxes relacionadas