A Xunta agradece ao persoal das escolas infantís e ás familias o seu esforzo para superar con éxito un curso marcado pola pandemia

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse coa Asociación de Escolas Infantís de Ferrolterra

Ferrol (A Coruña), 31 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia agradece e recoñece o esforzo levado a cabo polos traballadores das escolas infantís e as familias neste curso 2020-2021 que vén de rematar tanto para os centros públicos de titularidade autonómica como para moitos de iniciativa social ou privados. Así o trasladou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, nun encontro mantido coa Asociación de Escolas Infantís de Ferrolterra (AFESIN), onde subliñou que sen a preparación e o traballo do persoal non tería sido posible superar con éxito este ano tan marcado pola pandemia.

O representante autonómico destacou que desde a Dirección xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica teñen a satisfacción de dar a benvida a un merecido descanso nas escolas infantís da rede autonómica. O curso que comezou o pasado mes de setembro, lembrou, caracterizouse por ser “moi diferente ao coñecido anteriormente, onde os protagonistas en vez de ser as actividades grupais ou os contactos con uns e con outros, foron as máscaras, a distancia social ou xel desinfectante os que marcaron a rutina de todos”. O director xeral sinalou, así mesmo, a importancia de cumprir os protocolos sanitarios para lograr unha incidencia moi baixa nos centros infantís, o que permitiu manter operativa a rede de escolas.

Jacobo Rey tamén quixo voltar a vista cara o camiño percorrido e por en valor o labor que non só neste curso, se non sempre, levan a cabo os traballadores dedicados a formar e coidar os nenos e nenas, xa que as escolas infantís constitúen unha das ferramentas fundamentais para a conciliación das familias. Ademais, o servizo pedagóxico e a formación da sociedade do futuro por parte dos profesionais educadores engaden a estes centros un valor que tamén merece recoñecemento.