A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa directora xeral de Administración Local e os delegados territoriais da Xunta na Coruña, en Lugo, en Ourense e en Pontevedra estarán presentes no acto

A Xunta e máis de 60 concellos participan mañá no encontro 'Next Generation Galicia por un rural forte e conectado'

Presentarase unha declaración institucional asinada polo Goberno galego e polos concellos a favor dun reparto equitativo dos fondos Next Generation destinados a actuacións de mobilidade

O obxectivo é lograr que os fondos de reconstrución ligados ao eido da mobilidade sostible atendan ás singularidades do territorio galego, maioritariamente rural, contribuíndo ao seu desenvolvemento económico e a frear o seu despoboamento
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia e máis de 60 concellos galegos participarán mañá no encontro Next Generation Galicia. Por un rural forte e conectado, no que se presentará unha declaración institucional a favor do reparto equitativo dos fondos de reconstrución destinados a actuacións de mobilidade.

No acto, que se celebrará no Parque do Lago da Cidade da Cultura, ás 11 horas da mañá, estarán presentes a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e os delegados territoriais da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; en Lugo, Javier Arias; Ourense, Gabriel Alén; e Pontevedra, Luis López, así como alcaldes e representantes de máis de 60 concellos galegos.

Os fondos de recuperación europeos Next Generation representan unha oportunidade de transformación e modernización que o conxunto de Galicia debe aproveitar.

O obxectivo do encontro é xuntar apoios e lograr que o reparto dos fondos por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana teña en conta as singularidades do territorio galego, maioritariamente rural, logrando que os fondos de recuperación contribúan de maneira efectiva ao seu desenvolvemento económico e a frear o seu despoboamento.