Unha xornada promovida pola Xunta estuda a mellora na calidade organoléptica dos viños das IXP de Galicia

Organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, a iniciativa tivo lugar esta mañá no concello coruñés de Paderne, que forma parte da indicación xeográfica protexida Betanzos

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

O espazo de coworking de Souto, no concello coruñés de Paderne, acolleu esta mañá unha xornada sobre a mellora na calidade organoléptica dos viños das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de Galicia. Esta acción formativa foi organizada pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
A iniciativa, impartida polos expertos Luis e Alejandro Paadín, centrouse en aspectos como a valoración e evolución comercial e de penetración de mercados destas IXP ou a evolución dos mercados do viño a curto e medio prazo e as novas tendencias e ferramentas comerciais para as adegas.
Nesta xornada, que se prolongou durante cinco horas, tamén se abordaron as necesidades e propostas de accións de promoción en relación á situación comercial actual, as calidades percibidas e organolépticas destes viños e as melloras na elaboración para a procura desa calidade.
En Galicia existen actualmente catro indicacións xeográficas protexidas de viño. Trátase das de Barbanza e Iria, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño-Ourense e Betanzos. Precisamente dentro desta última IXP se sitúa, entre outros, o concello coruñés de Paderne, no que se desenvolveu esta xornada técnica. Ademais, cabe sinalar que a Xunta remitiu o pasado mes ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a documentación necesaria para proceder á inscrición da IXP Terras do Navia no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas.

Imaxes relacionadas