A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica participou nas Xornadas internacionais de pesca sobre grandes migradores, organizadas por Orpagu

Galicia ve esencial que o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca apoie a innovación e a mellora da habitabilidade dos buques

A comunidade galega recibirá a metade dos fondos repartidos entre as autonomías, é dicir, máis de 366 millóns de euros dos 735 millóns asignados ás comunidades autónomas excluíndo Canarias, que conta cun plan de compensación específico

O Executivo galego considera necesario simplificar os trámites e reducir a burocracia co obxectivo de facilitar o acceso dos potenciais beneficiarios e optimizar o uso deste futuro fondo

A Guarda (Pontevedra), 30 de xullo de 2021

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou hoxe a importancia de que o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca apoie a innovación e a mellora da habitabilidade a bordo dos buques. Tamén é fundamental, engadiu, destinar esta ferramenta financieira a accións que melloren a saúde, a seguridade e as condicións de traballo dos profesionais do mar, a eficiencia enerxética e a calidade das capturas.
Así o sinalou a directora xeral na Guarda, no marco das Xornadas internacionais de pesca sobre grandes migradores, desenvolvidas pola Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) e onde Mercedes Rodríguez participou cunha intervención sobre a frota pesqueira ao abeiro do fondo financieiro europeo para o período 2021-2027.

Deste fondo a Galicia correspóndenlle a metade da contía repartida entre as comunidades autónomas, é dicir, máis de 366 millóns de euros dos 735 millóns asignados ás autonomías excluíndo Canarias, que conta cun plan de compensación específico. Esta asignación foi aprobada hai uns días na Conferencia Sectorial de Pesca na que se abordaron os criterios de reparto do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) para o período 2021-2027 entre os organismos intermedios de xestión da Administración Xeral do Estado e as comunidades autónomas.

De cara a optimizar o uso deste futuro fondo, Galicia tamén considera necesario simplificar os trámites e de reducir a burocracia co obxectivo de facilitar o acceso dos potenciais beneficiarios.

Entre as estratexias que defende a comunidade galega co obxectivo de que se teñan en conta no deseño do programa operativo de España tamén está a aposta pola economía azul. Outras apostas que defende Galicia para o próximo fondo europeo marítimo-pesqueiro e que lembrou a directora xeral de Pesca son a sustentabilidade da actividade marítimo-pesqueira tanto no ámbito medioambiental como no económico e social e o desenvolvemento das zonas costeiras.

Hai que lembrar que os socios comunitarios aínda poden seguir executando os gastos previstos dentro do orzamento do FEMP actual ata 2023, co que España dispón de tres anos máis de execución do fondo.