A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro co presidente da Asociación Galega de Familias Numerosas, Luis Sánchez

Os novos descontos para familias numerosas nas autoestradas da Xunta bonificarán máis de 80.000 viaxes ao ano e aplicaranse desde mediados de agosto

Vázquez Mourelle sinala que se bonifica o 100% da volta nas autoestradas A Coruña- Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) todos os días, excepto domingo e festivos

Unha familia que se desprace desde A Coruña ata Carballo pola AG-55, cos descontos pagará 2,55 € fronte aos 5,10 €, dado que a volta lle sairá gratis

As autoestradas autonómicas mantéñense entre as máis baratas de España e os novos descontos son acumulativos, polo que as familias numerosas poderán engadirlle tamén a bonificación do 50% en horario nocturno

As novas bonificacións levan aparellada a implantación de 70 cámaras e o software necesario para a identificación e a lectura da matrícula asociada á familia

A conselleira lembra que as case 27.000 familias numerosas galegas tamén contan con descontos nos billetes dos autobuses da Xunta, do 20% e do 50%, en función da súa categoría, ademais da gratuidade para menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova

A Coruña, 30 de xullo de 2021

Os novos descontos nas autoestradas da Xunta, que serán efectivos a mediados de agosto, bonificarán a máis de 80.000 viaxes ao ano. Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao presidente da Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN), Luis Sánchez, con quen mantivo unha xuntanza de traballo.
Vázquez Mourelle lembrou que se trata da bonificación do 100% da viaxe de volta ás familias numerosas nas autoestradas A Coruña- Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57), todos os días, excepto domingo e festivos.
Puxo como exemplo a unha familia que se desprace desde A Coruña ata Carballo pola AG-55, que coas novas bonificacións da Xunta pagará só 2,55 €, fronte aos 5,10 €, dado que a volta está bonificada ao 100% e lle sairá gratis.
Subliñou que os descontos son acumulativos, polo que as familias numerosas poderán engadirlle tamén a bonificación do 50% en horario nocturno. Así, por exemplo, o membro dunha familia numerosa que se desprace ás 5,30 da madrugada e regrese ás 15,00 horas, pagará ida e volta entre A Coruña e Carballo 1,30 €, xa que á bonificación por familia numerosa do 100% da volta, suma o desconto do 50% na ida en horario nocturno.

Para beneficiarse destes descontos, a familia numerosa debe ter o título acreditativo e cubrir o impreso de solicitude de alta no apartado da páxina web da concesionaria. A medida vai dirixida ás case 27.000 familias numerosas que hai en Galicia.
Deste xeito, vincularase cada familia a un dispositivo de telepeaxe e a un vehículo para aplicar a bonificación correspondente. Cada familia numerosa poderá asociar un dispositivo de telepeaxe, que poderán ser dous nos casos de familias de categoría especial ou integrada por pais divorciados.
A conselleira sinalou que a activación desta nova bonificación leva aparellada a implantación de 70 cámaras e o software necesario para a identificación e lectura da matrícula asociada á familia.
Fixo fincapé en que as autoestradas autonómicas son das máis baratas de España, pero aínda así o Consello da Xunta tamén autorizou onte, ademais das bonificacións ás familias numerosas, a extensión ás 24 horas posteriores á viaxe de ida os descontos aos usuarios recorrentes -do 25% na volta e do 50% na segunda volta-, que ata agora se aplicaban no mesmo día.
Cómpre lembrar que esta medida está recollida na Lei de impulso demográfico e enmarcada na liña de diálogo e de cooperación que o Goberno galego mantén con AGAFAN, que vén traballando desde hai 30 anos na defensa dos dereitos das familias numerosas en Galicia e por mellorar a calidade de vida deste colectivo.

Incentivos no transporte público

Ethel Vázquez recordou que a Xunta tamén dispuxo incentivos no transporte público para as familias numerosas, con descontos nos billetes dos autobuses da Xunta, do 20% e do 50%, en función da súa categoría.
Estas rebaixas nas tarifas no autobús estanse a aplicar nas áreas de transporte de Santiago, da Coruña, de Ferrol, de Lugo e de Vigo e estenderanse a toda a comunidade coa implantación da Área de Transporte de Galicia.
O Goberno galego tamén estendeu a toda Galicia a gratuidade no transporte público da Xunta para os menores de 21 anos grazas á tarxeta Xente Nova. A día de hoxe son 90.000 os rapaces galegos que desfrutan desta iniciativa que contribúe á economía das familias e promove o uso do transporte público.

Imaxes relacionadas