O tráfico na rúa Marcelo Macías de Ourense quedará aberto este venres nos dous sentidos de circulación

O remate das obras de renovación integral da rúa, que se prevé no vindeiro mes de agosto, só fai necesario restrinxir a circulación nos dous carrís de servizo da rotonda do Olivo

A Xunta está a investir 1,7 millóns de euros no acondicionamento dun treito de 1,3 quilómetros da estrada autonómica OU-540 que coincide coa rúa Marcelo Macías

As obras consisten na mellora do pavimento, dos sinais, das beirarrúas ou dos pasos de peóns, así como as redes de abastecemento e de saneamento e o alumeado

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

O tráfico da rúa Marcelo Macías, en Ourense, quedará aberto este venres, restablecéndose os dous sentidos de circulación.
O remate das obras de renovación integral da rúa, que se prevé no vindeiro mes de agosto, só fará necesario restrinxir a circulación nos dous carrís de servizo da rotonda do Olivo, pois son precisos para o acopio de materiais.
O Goberno galego está a investir 1,7 millóns de euros no acondicionamento de 1,3 quilómetros da estrada autonómica OU-540 que coincide coa rúa Marcelo Macías.
As obras consisten na renovación e mellora do pavimento, dos sinais, das beirarrúas ou dos pasos de peóns, así como das redes de abastecemento e de saneamento e do alumeado público.
A actuación inclúe, ademais, traballos de mantemento e conservación no viaduto sobre o río Barbaña e o reforzo da seguridade viaria da rúa, cun total de 7 pasos de peóns elevados coa fin de reducir a velocidade dos vehículos e protexer aos viandantes.
No marco deste proxecto, tamén se desenvolven traballos de renovación de servizos urbanos de saneamento, abastecemento, iluminación, coa colocación de luminarias ornamentais da ponte sobre o Barbaña.