O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe no encontro Galicia’s Investors Day na Toxa

A Xunta reivindica a importancia da creación de sinerxias entre o tecido produtivo, o plano social e a administración para seguir consolidando a marca Galicia

Conde destaca a capacidade do tecido produtivo galego para exportar preto de 590M€ máis nos cinco primeiros meses do ano que no mesmo período de 2019, é dicir, antes da pandemia

O Goberno galego seguirá a realizar unha labor de acompañamento ás empresas para abarcar todos os elos da cadea de valor e contribuíndo á recuperación económica
 

O Grove (Pontevedra), 29 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe no encontro Galicia’s Investors Day organizado por Cesuga na illa da Toxa, onde se deron cita empresarios, emprendedores –participan 16 startups– e inversores de sectores industriais clave para o futuro da Comunidade como son o turismo, a biotecnoloxía, a automoción, a aeronáutica e o sector da alimentación.

Un evento que, como apuntou Francisco Conde, é clave para seguir reivindicando a “Marca Galicia”, un logro colectivo que medra cada día a través das sinerxías feitas desde o tecido produtivo, o plano social e a Administración.

Nun contexto no que Galicia e o seu tecido produtivo están sendo capaces de exportar nos cinco primeiros meses do ano preto de 590M€ máis que no mesmo período de 2019 –é dicir, previo á pandemia–, a internacionalización resulta un factor clave para actuar como dinamizador da recuperación económica, onde a innovación e a dixitalización tamén son protagonistas.

Así, o vicepresidente económico asegurou que a situación actual abre todo un abano de posibilidades para proxectar as fortalezas da Comunidade no exterior, polo que a Xunta vai seguir facendo un intenso labor de acompañamento ao tecido produtivo para abarcar todos os elos da cadea de valor.

Neste sentido, defendeu a colaboración público-privada como a mellor fórmula para afrontar con éxito os retos de futuro, entre os que citou a dixitalización e a sostibilidade.


O vicepresidente económico tamén ten previsto asistir esta noite á primeira edición dos premios da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), que recaerán en Olegario Vázquez Raña, que recibirá o galardón ao empresario galego en América, e en Ignacio Rivera –CEO de Estrella Galicia–, que será recoñecido como o empresario galego en Galicia.

Imaxes relacionadas