A Xunta inicia os trámites da ampliación do CHUS, que incrementará en máis de 30.000 m2 a súa capacidade

Feijóo precisa que se executarán dous edificios, un deles incluirá áreas de diagnóstico, tratamento, servizos centrais e unidades de hospitalización; e o outro albergará o hospital de día e as consultas externas

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa de Consello, o inicio da tramitación da ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, que sumará máis de 30.000 m2 de superficie. “Imos finalizar o compromiso dos grandes hospitais renovados, ampliados ou de nova edificación do Servizo Galego de Saúde”, abundou.

Neste caso, precisou que a ampliación se fará ao abeiro da Lei 3 de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese, xa que o emprego deste instrumento xurídico está xustificado polas necesidades derivadas da asistencia sanitaria e da pandemia.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta pormenorizou cales son os seguintes pasos a dar, explicando que nos próximos días se solicitará ao Concello de Santiago o trámite de información pública do anteproxecto e o informe sobre a afectación dos intereses locais , posteriormente a Consellería de Medio Ambiente solicitará os informes preceptivos e elevará o proxecto á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia. Finalmente, dixo, será aprobado polo Consello da Xunta.

Froito desta obra, abundou, executaranse dous edificios: un deles, de 9 andares, incluirá áreas de diagnóstico, tratamento, servizos centrais e unidades de hospitalización; e o outro, de 5 andares, albergará o hospital de día e as consultas externas.

Finalmente, Feijóo lembrou o investimento de preto de 8 M€ en actuacións e melloras de equipamento realizadas no CHUS nos últimos anos, como a ampliación das urxencias, a nova unidade de ictus, a reforma da farmacia hospitalaria ou a compra de equipos de ultrasóns de frecuencia focalizado, entre outros.

Imaxes relacionadas