A Xunta pon en marcha o terceiro Plan Moves, dotado con preto de 23 millóns de euros, para a compra de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, precisa que estas axudas están dirixidas a particulares, comunidades de propietarios, empresas, entidades locais e administracións públicas

Destaca que as previsións tras a execución do plan prevén mobilizar preto de 98 millóns de euros, un aforro económico de 2,3 millóns anuais en custos de combustible e unha redución do CO2 equivalente a 186.000 árbores

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha do terceiro Plan Moves, o programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica xestionado polas comunidades autónomas, que contará cun total de 22,7 millóns de euros para a compra de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que as axudas estarán dirixidas a particulares, comunidades de propietarios, empresas, entidades locais e administracións públicas, incluída a Xunta de Galicia. Todos eles poderán solicitalas a partir do 13 de setembro, momento a partir do cal iranse adxudicando os apoios segundo orde de chegada ata que finalice o prazo, o último día de 2023. O presidente da Xunta remarcou que as axudas estarán dispoñibles ata que se esgote o crédito do plan, podendo finalizar este antes do prazo previsto.

Así mesmo, as solicitudes tramitaranse a través das entidades colaboradoras, que son os concesionarios, para a compra dos vehículos; e os instaladores de baixa tensión, para implantar os puntos de recarga.

Segundo explicou o titular da Xunta a previsión é mobilizar ao abeiro deste plan 98 millóns de euros; xerar un aforro económico de 2,3 millóns anuais en custos de combustible; do cal un aforro de 1,3 millóns litros correspondería a gasóleo; e unha redución do CO2 equivalente a 186.000 árbores.

Como novidades, Feijóo resaltou que haberá só dúas liñas de axudas. A primeira estará centrada na adquisición dos vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible; e as contías situaranse entre os 700 € e os 9.000 € por unidade en función do solicitante ou as características do vehículos, entre outros.

Así, se se teñen en conta os límites máximos das axudas, estes serían de ata 2.000 € nas motocicletas ou cuadriciclos; de ata 7.000 € nos turismos; e de ata 9.000 € para furgonetas. “Estos máximos son no caso de achatarramento do vehículo que se entrega, sendo menor a contía da axuda en caso de non contar co achatarramento do vehículo anterior, por compra dun automóbil novo, ou por non entregar o vehículo no concesionario”, explicou Feijóo.

No tocante á segunda liña, avanzou que esta porá o foco na instalación de infraestruturas de recarga, con axudas de entre 30% e 80% do custo, unha porcentaxe que se determinará en función do orzamento dispoñible. Neste caso particular, a axuda máxima duplícase con respecto ás anteriores convocatorias, cando era do 40%.

En referencia ás posibilidades que ofrece este plan ás rendas medias e baixas, Alberto Núñez Feijóo matizou a súa postura ao respecto. “Imos ver se este plan funciona, xa que é unha cuestión discutible que esteamos ofrecendo ata 9.000 euros por adquirir un vehículo eléctrico, sen límite de prezo, e non esteamos retirando das estradas aqueles automóbiles de máis de 12 anos. Deberíamos repensar este tipo de política si realmente buscamos incentivar a compra de vehículos e diminuír o nivel de CO2”, sentenciou.

Imaxes relacionadas