Anxo M. Lorenzo salienta o compromiso da Xunta coa música de cámara cun novo apoio ao Festival Hércules Brass de Celanova

O secretario xeral de Cultura participa na presentación deste ciclo de concertos e cursos de especialización deste xénero musical, que este ano celebra do 3 ao 7 de agosto

Celanova (Ourense), 29 de xullo de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do Festival Hércules Brass, que se celebra en Celanova do 3 ao 7 de agosto co apoio da Xunta de Galicia dando resposta, indicou, ao “compromiso do Goberno autonómico coa promoción e impulso da música de cámara e da creatividade neste xénero musical”.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, este festival é, ano a ano, “boa mostra do interese crecente que a música sinfónica esperta entre o gran público e desde o Goberno autonómico apoiamos a súa celebración para garantir a súa continuidade, manter o nivel formativo e artístico dos participantes e conseguir dar cada vez máis visibilidade a Galicia neste xénero musical”, expresou.

Neste sentido, puxo de manifesto o millón de euros que este ano destina a Xunta para promover e divulgar a música de cámara durante o Xacobeo 21-22 apoiando a varias orquestras deste xénero que levarán a súa música por gran parte de Galicia e fóra dela. “Propostas como este festival de Celanova sumaranse a esta programación do verán galego, cun plan artístico e de formación do máis alto nivel”, engadiu.

O Festival Hércules Brass celebra este ano a súa sétima edición cun ciclo de concertos e cursos de especialización en torno aos instrumentos de vento-metal, con grupos e profesores de talla internacional. Este ano inclúense unha serie de actividades complementarias como clases maxistrais nas diferentes especialidades ofertadas (trompeta, trompa, trombón e tuba) e o alumnado e profesores gravarán unha obra musical encargo do festival ao destacado compositor David Ribas.