A Xunta colabora co concello de Maceda nas instalacións do servizo de Emerxencias e Protección Civil que serán a sede do novo GES nesta zona

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as melloras levadas a cabo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, que acadan preto de 32.000 euros

O concello recibiu nos últimos anos máis de 243.000 euros de axudas da Vicepresidencia primeira para a mellora da accesibilidade e ampliación das oficinas municipais, actuacións de eficiencia enerxética na luz pública no bosque do castelo de Maceda, e a humanización da praza de Alcatruz no casco vello de Maceda, entre outras actuacións
 

Maceda (Ourense), 29 de xuño de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comprobou hoxe as melloras levadas a cabo nas instalacións do servizo de emerxencias e Protección Civil, grazas ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental, que acadan preto de 32.000 euros.

Natalia Prieto indicou que leváronse a cabo melloras na calidade e eficiencia enerxética no inmoble, para mellorar a envolvente térmica e para adaptalo ás necesidades do servizo e mellorar a eficiencia enerxética do edificio. Así mesmo, mellorouse a iluminación interior, mediante a colocación de luminarias LED.

A directora xeral indicou que Maceda será un dos concellos que contará cun novo Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES), este mesmo ano e terá a súa sede neste edificio. Dará cobertura aos concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

Trátase dunha das actuacións financiadas pola Xunta en Maceda xunto a outros proxectos apoiados pola Vicepresidencia primeira, como a mellora da accesibilidade e ampliación das oficinas municipais, actuacións de eficiencia enerxética na luz publica no bosque do castelo de Maceda, e a humanización da praza de Alcatruz no casco vello de Maceda, entre outras actuacións.

Durante a súa visita, Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, xa que os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns. Ademais, son a administración máis próxima á cidadanía e, polo tanto, a que mellor coñece as necesidades dos seus veciños. O concello de Maceda recibiu nos últimos anos máis de 243.000 euros da Vicepresidencia.
 

Imaxes relacionadas