A Xunta licita por 355.400 euros a segunda fase da mellora da rede de abastecemento de auga a Castro de Rei

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, informou hoxe ao alcalde, Francisco Balado, do inicio do procedemento de contratación das obras, que serán cofinanciados pola Xunta cun 80% do investimento

As empresas interesadas en presentar ofertas para executar os traballos teñen de prazo ata o 31 de agosto
 

Castro de Rei (Lugo), 29 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación das obras da segunda fase da mellora do abastecemento de auga ao concello de Castro de Rei, por un importe de 355.420 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o concello para informar ao alcalde, Francisco Balado, do inicio do procedemento de contratación dos traballos, que serán cofinanciados entre ambas administracións, segundo o convenio de colaboración asinado. Así, Augas de Galicia achegará o 80% e a entidade local o 20% restante.

As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o día 31 de agosto e as obras terán un prazo de execución estimado de seis meses. Servirán para mellorar as condicións de presión na rede de abastecemento no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e no polígono industrial, para evitar os problemas de abastecemento que se producen en época estival.

Trátase dunha nova actuación que lle dará continuidade á primeira fase da mellora do abastecemento, aprobada nun convenio anterior co Concello. As obras foron contratadas por Augas de Galicia o pasado mes de xuño e xa están en marcha.

A primeira fase conta cun investimento de 630.000 euros para construír dous tramos de tubaxe de abastecemento de fundición no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e inmediacións do termo municipal. Proxéctase tamén a execución de varias arquetas de formigón armado para aloxar as ventosas e desaugues proxectados, así como as conexións coa rede existente.

As novas obras complementarán a primeira intervención e centraranse na execución dun ramal que, partindo dun tramo de condución que se vai desenvolver na primeira fase, mellora a conexión co polígono industrial. Para acometer este ramal, emprégase unha condución de 1.529 metros con tubaxe de polietileno de 225 mm de diámetro.

Por último, o delegado territorial lembrou que a solución proxectada por Augas de Galicia no seu conxunto dará servizo a preto de 2.600 habitantes do municipio de Castro de Rei de cara ao ano 2040.

As actuacións serán financiadas no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.
 

Imaxes relacionadas