A Xunta adxudica por máis de 205.000 € a redacción do proxecto de humanización da estrada AC-305 na travesía de Palmeira, en Ribeira

O contrato, cun prazo de 21 meses, ten como obxectivo definir as actuacións para recuperar o espazo público da estrada autonómica para os veciños de Palmeira

As intervencións a desenvolver, nas que a Xunta investirá arredor de 2,2 M€, suporán a mellora da mobilidade e da seguridade viaria na contorna

Actuarase ao longo de 1 km con obras para garantir a seguridade de peóns e de condutores, para priorizar a mobilidade peonil e optimizar o deseño integral da rúa

A actuación enmárcase no convenio entre a Xunta e a Fundación RIA para deseñar intervencións en 5 ámbitos urbanos desta estrada no Barbanza e lograr unha convivencia máis harmónica entre vehículos e peóns

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 205.000 euros a redacción do proxecto construtivo da actuación destinada á recuperación da identidade urbana da estrada autonómica AC-305 na travesía de Palmeira, no concello de Ribeira.

O contrato de redacción deste proxecto, adxudicado á UTE TECYP Ingeniería S.L.-Naos 04 Arquitectos SLP, terá un prazo de 21 meses.

Esta actuación ten como obxectivo recuperar o espazo público da estrada autonómica para os veciños de Palmeira, con actuacións que supoñan a mellora da mobilidade e da seguridade viaria, e que levarán aparellado un investimento da Xunta de arredor de 2,2 millóns de euros.

A intervención, que terá en conta a participación veciñal e do propio Concello de Ribeira, busca ofrecer un carácter máis humano e máis social á estrada a medida que pasa polo centro urbano de Palmeira. Trátase de adaptar a configuración da AC-305 á realidade actual deste núcleo de poboación, para conseguir unha vía completamente integrada no tecido urbano.

Actuarase ao longo de 1 quilómetro con distintas intervencións encamiñadas a garantir a seguridade de peóns e de condutores, a potenciar o carácter de vía lenta, priorizando a mobilidade peonil e actuando sobre o deseño integral da rúa.

No proxecto definirase a reordenación da sección transversal da estrada, reducindo o ancho de carril e dotando as marxes de franxas verdes e arborado, co obxectivo de gañar espazo para os peóns e de facer máis humana a vía. Tamén, de cara a reforzar a seguridade viaria, minorarase a velocidade a 30 km/hora.

Ademais, para priorizar a mobilidade a pé dos veciños, reducindo o protagonismo dos coches, disporanse plataformas únicas, habilitaranse aparcadoiros alternativos, ampliaranse as beirarrúas e dotarase a zona de mobiliario urbano, para uso e desfrute da xente.

O proxecto incidirá, tamén, no deseño integral da rúa, procurando a maior integración urbana e paisaxística de todos os elementos, o tendido eléctrico, o saneamento e outros servizos urbanos, os pavimentos, as ramplas e encontros de superficies.

Este conxunto de actuacións están a ser impulsadas desde a Xunta en colaboración coa Fundación RIA e teñen como obxectivo mudar por completo a imaxe da estrada autonómica AC-305 na travesía de Palmeira.

Así, a intervención en Palmeira será un exemplo que se replicará noutras zonas da estrada AC-305 en contornos urbanos para adaptar a vía á súa funcionalidade.

Esta actuación forma parte do convenio asinado en xaneiro pola Xunta e a Fundación RIA, cun investimento de 212.000 €, para deseñar intervencións en 5 ámbitos urbanos desta estrada no Barbanza para lograr unha convivencia máis harmónica entre vehículos e peóns.