A Xunta adxudica por preto de 635.000 € as obras de mellora do firme en seis estradas autonómicas da provincia de Pontevedra

As actuacións comezarán na segunda quincena de agosto e terán un prazo de 4 meses

Acondicionarase o firme en varias estradas ao seu paso por Pontecesures, A Estrada, Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Poio, Sanxenxo ou Cambados

A intervención tamén recolle o pintado das marcas lonxitudinais do eixe e bordo da calzada e a reposición de pasos de peóns

A Xunta continúa traballando no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por preto de 635.000 euros as obras de mellora do firme en seis estradas autonómicas da provincia de Pontevedra.

As actuacións, adxudicadas á empresa Construcciones Obras e Viais (COVSA), comezarán na segunda quincena de agosto e terán un prazo de 4 meses.

Os traballos consistirán no acondicionamento da capa de rodadura das estradas PO-214, PO-221, PO-222, PO-223, PO-233 e PO-303, ao seu paso polos concellos de Pontecesures, A Estrada, Moraña, Pontevedra, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Poio, Sanxenxo, Meaño e Cambados.

Nas estradas PO-214 e PO-303 actuarase en toda a súa lonxitude. Os traballos na PO-221 desenvolveranse entre os puntos quilométricos 4+340 e o 12+400; na PO-222, do punto quilométrico 0+200 ata o 4+000; na PO-223, nos 4 primeiros quilómetros da vía; e na PO-233 en 6,5 quilómetros, do punto quilométrico 0+000 ao 6+500.

A intervención tamén incluirá o fresado e a reposición da capa de rodadura do pavimento actual nas zonas danadas con mestura bituminosa en quente e nalgúns treitos das estradas PO-214 e PO-222 aplicarase un microaglomerado en frío.

Ademais, a actuación recolle o pintado das marcas lonxitudinais do eixe e bordo da calzada e a reposición dos pasos de peóns.

A Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.