O conselleiro do Medio Rural está a manter unha xuntanza telemática co secretario general de Agricultura y Alimentación do Goberno central para abordar esta cuestión

A colaboración institucional liderada pola Xunta permitirá investir preto de 32 millóns de euros na potenciación do sector agrario da comarca da Limia

Destes cartos, uns 12 millóns de euros irán destinados a sufragar a limpeza das canles da Limia e dos camiños paralelos, para así mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas

Outros 15,9 millóns de euros forman parte dun proxecto de mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos desta comarca ourensá, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo executivo do Estado

A maiores, a Xunta aportará outros catro millóns de euros para completar este ano a rede de pozos do regadío da zona

Ourense, 28 de xullo de 2021

A colaboración institucional liderada pola Xunta permitirá investir preto de 32 millóns de euros na potenciación do sector agrario da comarca da Limia. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que -acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén- está a manter esta tarde unha xuntanza telemática co secretario general de Agricultura y Alimentación do Goberno central, Fernando Miranda.
No encontro, o conselleiro agradeceu a implicación do executivo do Estado para facer posible a limpeza de canles e a modernización do regadío da Limia, mentres a Xunta se encargará de completar a rede de pozos. Foi nunha xuntanza na que tamén estiveron de xeito virtual representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga; o comisario de Aguas, Xoán Novoa; e os alcaldes da comarca da Limia.
En concreto, José González explicou que destes preto de 32 millóns de euros, un presuposto inicial estimado de 12 millóns irán destinados a sufragar a limpeza das canles da Limia e dos camiños paralelos, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas. O conselleiro agradeceu o compromiso manifestado ao respecto polo propio ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, en Conferencia Sectorial, para evitar e reducir a afectación medioambiental das prácticas agrogandeiras actuais nesta bisbarra ourensá.
Así mesmo, investiranse outros 15,9 millóns de euros nun proxecto de mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos da Limia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo executivo do Estado para facer fronte aos efectos da covid-19 coa axuda dos fondos europeos Next Generation. Unha cantidade da que o Goberno central achegará máis de 12,7 millóns, mentres a comunidade de regantes da Limia aportará os restantes preto de 3,2 millóns de euros.
A maiores, o titular de Medio Rural lembrou que o seu departamento destinará outros catro millóns de euros a completar este ano a rede de pozos do regadío da zona. Deste xeito, destacou, contribuirase ao impulso do sector primario da Limia, que achega case o 30% do PIB da bisbarra. Nesa liña, destacou que se trata dunha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas (pataca e millo fundamentalmente), como en gandeiros (sobre todo porcino, avícola e vacún).
Así, o conselleiro manifestou que é importante unir os esforzos das distintas administracións co obxectivo de incidir na mellora da xestión das dexeccións gandeiras para así garantir a viabilidade do sector agrario e a calidade de vida e o benestar da poboación nese ámbito territorial.

Plan estratéxico

Cabe lembrar que a Xunta estivo desde o minuto un co sector agrario limiá. Así promoveu, xunto cos diferentes axentes da comarca, o Plan estratéxico do sector agrario da comarca, co fin de lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos, reducir a concentración de nutrientes nas augas, xerar emprego e fixar poboación no rural, combatendo así o cambio climático á par que Europa.
Neste senso, cómpre trasladar que está moi avanzado o borrador deste plan, que se está elaborando en colaboración coa Fundación Juana de Vega e co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia, prevéndose rematalo este 2021. Ademais, o pasado mes de xuño quedaba constituída a comisión interdepartamental para mellorar a sustentabilidade do agro na Limia, conformada por representantes do Goberno central e da Xunta.
A través desta comisión, estanse a procurar solucións que minimicen o impacto ambiental que xera a gandería intensiva na Limia. Deste xeito, preténdese poñer en común -entre os diferentes departamentos das administracións- o consenso sobre os cambios lexislativos necesarios para contribuír á mellora da xestión das dexeccións gandeiras e do regadío nesta comarca, con medidas concretas que se poidan incluír no Plan estratéxico cun compromiso de execución a curto, medio e longo prazo.
Tamén se manifesta a aposta da Xunta polo desenvolvemento sostible do sector primario nesta comarca mediante outras medidas xenéricas, tales como a nova Lei de recuperación da terra agraria, que vai permitir o aumento da base territorial das explotacións, o que redundará nunha extensificación da produción e, polo tanto, nunha mellor xestión. Tamén está o Plan de pastos de Galicia, que tamén incide nese incremento da base territorial e, polo tanto, nunha optimización da xestión das explotacións. Por último, o Centro para o impulso da economía circular, que contará cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios, entre outros.

Imaxes relacionadas