A Xunta mellora a eficiencia enerxética do CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei tras investir 216.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado das obras, que incluíron o cambio da iluminación por outra de tecnoloxía LED, a substitución de carpinterías e o illamento térmico sobre o forxado baixocuberta

Arias subliñou que o centro educativo xa contaba cun espazo totalmente renovado froito da ampliación executada hai dous anos, á que se destinou un orzamento de 865.000 euros
 

Outeiro de Rei (Lugo), 28 de xullo de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade concluíu as obras de mellora da eficiencia enerxética no CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei, nas que investiu case 216.000 euros (a actuación foi adxudicada por 215.610 euros).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos, realizados no bloque das aulas de Educación Infantil e no principal. Neste último exceptuáronse os espazos resultantes da ampliación realizada hai dous anos, na que se investiron 865.000 euros e que que xa reúne as condicións axeitadas para un menor consumo enerxético.

Así, a actuación consistiu no cambio de luminarias por outras de tecnoloxía LED, substitución de carpinterías, instalación de illamento térmico sobre forxado baixocuberta e colocación de falsos teitos nos andares baixo e primeiro.

Tamén se levou a cabo a renovación de portas, a colocación de chan tipo linóleo, a reforma de varios aseos e o pintado de fachadas. “En conxunto -afirmou Arias-, os traballos serviron para modernizar e incrementar o confort das instalacións”.

As obras executáronse durante os últimos meses e o ritmo adaptouse ao desenvolvemento da actividade lectiva, co obxecto de que non interferir na actividade normal do colexio.

O delegado lembrou que este proxecto forma parte do paquete de obras en centros educativos aprobado o pasado verán ao abeiro do Plan de Reactivación e Dinamización de Galicia coa finalidade de axudar a manter o emprego no contexto económico xerado pola pandemia.
 

Imaxes relacionadas