A Xunta investirá máis de 88.000€ no acondicionamento da rede de pluviais do polígono industrial de Tordoia

Esta actuación inclúese dentro da orde de axudas para a mellora dos parques empresariais que ten por obxectivo potenciar a competitividade das empresas

Tordoia (A Coruña), 28 de xullo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, visitou o polígono industrial do concello para anunciar un investimento de máis de 88.000 euros para cofinanciar o acondicionamento da saída de pluviais do sector de solo urbanizable industrial S-03 e S-04. A actuación consiste na instalación dunha tubaxe de pluviais cos seus correspondentes pozos de rexistro.

O representante do Goberno autonómico destacou que “este tipo de actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas á mellora das súas infraestruturas e ao impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego”. Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25%, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da Comunidade para dar resposta ás necesidades de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias.

Para a concesión das axudas aos polígonos, entre outras cuestións, valórase que os solicitantes sexan Concellos Emprendedores, pero tamén se ten en conta a superficie do parque empresarial, o nivel de ocupación ou a poboación do municipio.

Desde a posta en marcha deste programa de apoios para a mellora de parques empresariais, así como da liña para a creación de novos viveiros industriais, lévanse apoiados en Galicia máis de 600 iniciativas -593 proxectos en polígonos e 13 viveiros industriais.

Estas iniciativas contribúen a garantir a seguridade e a calidade do servizo, atendendo así as demandas das empresas afincadas nos polígonos industriais de Galicia.

Imaxes relacionadas