Ethel Vázquez salienta o investimento da Xunta de 5 M€ para completar un itinerario continuo de 10 km para vertebrar os concellos de Vilanova de Arousa, Vilagarcía, A Illa e Cambados

Vázquez Mourelle adianta que o vindeiro ano se construirán 2 novas sendas, unha na estrada PO-549, en Corón, e outra na PO-302 e PO-306, en Caleiro, cun orzamento de arredor de 2M€

Sinala que a senda de Corón implicará construír ou renovar preto de 3,3 km de beirarrúas, que unirán e completarán os treitos existentes na estrada

Detalla que o proxecto desta primeira senda e as expropiacións xa están aprobados, polo que unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, en outono se licitarán as obras

Indica que tamén se está a redactar o proxecto da senda de Caleiro, de 1,8 km de lonxitude, para sometelo a información pública a finais de ano e licitar as obras a comezos de 2022
 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 28 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento da Xunta de 5 millóns de euros para completar un itinerario continuo de 10 quilómetros que vertebre os concellos de Vilanova de Arousa, Vilagarcía, A Illa e Cambados.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe as obras de mellora da mobilidade peonil e ciclista que a Xunta executou nos últimos anos nas estradas ao seu paso por Vilanova de Arousa, onde adiantou un investimento de case 2 millóns de euros en dúas novas sendas que permitirán completar ese itinerario continuo de 10 quilómetros polos catro concellos.
Trátase de dúas novas sendas, que se impulsarán o vindeiro ano a través dos fondos europeos de reconstrución, os React-EU, e se desenvolverán na estrada PO-549, en Corón, e nas vías autonómicas PO-302 e PO-306, en Caleiro.

Sinalou que a senda de Corón implicará construír ou renovar preto de 3,3 quilómetros de beirarrúas, que unirán e completarán os treitos xa existentes nesta estrada autonómica.
A Xunta, atendendo ás demandas do Concello, incluirá actuacións complementarias como aparcadoiros en tres treitos, unha nova condución de abastecemento e a renovación do alumeado, que se acometerán nun proxecto independente. Tamén se actuará nos pasos de peóns, mellorando a súa protección.

O proxecto desta primeira senda xa está aprobado, así como as expropiacións que afectan a 21 fincas, necesarias para levar a cabo os traballos. Neste sentido, a conselleira precisou que unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, en outono se licitarán as obras da senda e da reparación das beirarrúas, cun investimento de 1,1 M€.

No que se refire á senda de Caleiro, nas estradas autonómicas PO-302 e PO-306, habilitaranse 1,8 quilómetros de novos itinerarios peonís para favorecer os desprazamentos dos veciños.

Sinalou que na actualidade se está a redactar o proxecto desta senda para sometelo a información pública a finais deste ano e licitar as obras a comezos de 2022, cun orzamento de 800.000 euros.

Outras actuacións

Ethel Vázquez fixo fincapé en que grazas ás actuacións levadas a cabo nos últimos anos na estrada PO-307, entre Deiro e a ponte da Illa de Arousa; na PO-549, no treito Tarrío e Cores; e na PO-306, entre Vilanova e A Illa, puxéronse á disposición máis de 5 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas, tras unha achega autonómica de 3 M€.

Concretou que na estrada PO-307 se construíu unha nova senda pola marxe esquerda de 1,6 km de lonxitude e na PO-549 se actuou en ambas as marxes, dotando dun itinerario que suma aproximadamente 2 quilómetros, cun investimento global de 1,8 M€.
Recordou que estas actuacións, que contaron co cofinanciamento de Fondos Feder, se suman aos traballos executados en 2020 para eliminar un treito de concentración de accidentes no final da estrada PO-549, entre a parroquia de Deiro e a intersección co corredor a Cambados.

Este proxecto consistiu na construción dunha nova glorieta e 2 semiglorietas para favorecer os cambios de sentido; cuñas de cambio de velocidade; e mellora da seguridade dos pasos de peóns e nas paradas de bus.

 

Imaxes relacionadas