A Xunta forma ao sector da castaña en materia de enxertos, podas e renovación dos soutos de froito

A acción formativa, que está organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), impartirase mañá no Museo do moble e da madeira da Estrada en horario de 19:00 a 23:00 horas

O programa afondará en distintos conceptos como os tipos de enxerto e as razóns para enxertar, os distintos tipos de poda (de formación e de produción), as súas ferramentas de traballo e os seus obxectivos específicos

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre enxerto, podas e renovación dos soutos do castiñeiro de froito. A acción formativa, dirixida aos profesionais do sector de toda Galicia, impartirase mañá no Museo do moble e da madeira da Estrada en horario de 19:00 a 23:00 horas.

O programa afondará en distintos conceptos como os tipos de enxerto e as razóns para enxertar, os distintos tipos de poda (de formación e de produción), as súas ferramentas de traballo e os seus obxectivos específicos.

Deste xeito, o curso pretende informar do que se se está facendo no sector en materia de investigación, tratamentos ou tendencias nas técnicas do mercado así como axudar a planificar a renovación en función das zonas e do destino final do produto. Así, o obxectivo final é achegar a información necesaria e ofrecer unha visión global da marca de calidade IXP Castaña de Galicia para que os produtores orienten as plantacións aos distintos mercados actuais.

Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

Imaxes relacionadas