O conselleiro do Medio Rural comprobou a execución dos traballos que realizan os supervisores que controlan o cumprimento da limpeza das faixas secundarias en Boborás

As parcelas e a superficie xestionada preto das vivendas dentro do convenio de protección das aldeas impulsado pola Xunta achéganse ao 70% do total

A Xunta celebra o incremento no grao de cumprimento dos particulares das obrigas de xestión da biomasa dende a entrada en vigor deste acordo coa Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga en 2018

Estas cifras constatan o bo funcionamento do convenio, que é resultado, entre outras cousas, dos traballos da comisión parlamentaria creada tras os incendios de 2017 e do éxito da colaboración interadministrativa, segundo destacou José González

A Xunta rematou de revisar as 180.000 parcelas incluídas no convenio e xa remitiu unhas 8.000 notificacións instando á limpeza, sendo uns 65.000 os titulares a notificar, moitos deles ilocalizables, polo que serán avisados polo DOG ou o BOE

O conselleiro lembrou que xa son 270 os concellos adheridos ao convenio e que a 232 deles xa se lles enviou o plan de prevención

González acompañou previamente á alcaldesa de Boborás na sinatura das notificacións das execucións subsidiarias das parcelas situadas nas franxas máis próximas ás vivendas

Boborás (Ourense), 28 de xullo de 2021

A Xunta celebra o incremento no grao de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa para a prevención de incendios forestais dende a entrada en vigor do convenio de protección das aldeas asinado coa Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga en 2018. Neste sentido, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe que a porcentaxe tanto de parcelas como de superficie xestionada ao abeiro deste convenio pasou de representar a metade do total en 2019 a situarse preto do 70% neste ano 2021. Así pois, resumiu, en números redondos tres de cada catro parcelas están xa xestionadas.

O conselleiro remarcou que estas cifras constatan o bo funcionamento do convenio, que -lembrou- é resultado, entre outras cousas, dos traballos da comisión parlamentaria creada tras os incendios de 2017, polo que se dá así cumprimento a un mandato da Cámara galega, así como do éxito da colaboración interadministrativa, salientou.

Segundo revelou González, a través do convenio a Xunta finalizou os traballos de comprobación de preto de 180.000 parcelas. Delas, no ano 2019 aproximadamente o 50% estaban xestionadas e agora son preto do 70%. É dicir, incrementouse a xestión en 20 puntos porcentuais. Isto fíxose tanto pola vía da limpeza que realiza directamente Seaga con cargo ao convenio -cunha oferta moi interesante para os propietarios, de 350 euros por hectárea limpa- como pola propia concienciación cidadá, que o conselleiro agradeceu enormemente.

Tendo en conta os bos efectos que se están a rexistrar nas zonas delimitadas polo convenio, engadiu o conselleiro, a Xunta decidiu este ano estender ese labor de comprobación ao resto dos concellos adheridos mediante a contratación de 30 supervisores de prevención.

Con respecto aos predios pendentes de xestionar, estase a notificar aos seus propietarios para que procedan á limpeza, advertíndolles que, de non facela, cada concello procederá subsidiariamente e logo lles trasladará o custo correspondente. Neste sentido, González indicou que son arredor de 65.000 os titulares que teñen que ser notificados e que a día de hoxe están advertidos uns 8.000 propietarios e persoas xurídicas dos 81 concellos priorizados. Insistiu ademais na dificultade de localizar estes titulares, polo que en moitos casos vai ser preciso publicar as notificacións no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial do Estado. Isto, engadiu o conselleiro, vincúlase coa necesidade de revisar o Catastro de rústica, un labor que precisamente se contempla na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Supervisión

O titular de Medio Rural, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, comprobou hoxe a execución dos traballos que realizan os supervisores de prevención que están a vixiar no concello ourensán de Boborás o cumprimento da normativa en materia de limpeza das faixas secundarias, as máis próximas ás vivendas. Previamente, ambos acompañaron á alcaldesa da localidade, Patricia Torres, na sinatura das notificacións das execucións subsidiarias das parcelas situadas nesas faixas que aínda non teñen xestionada a biomasa segundo a normativa.

Ademais, cabe salientar que se está a supervisar tamén o estado das parroquias non priorizadas dos concellos seleccionados. Así, contratáronse, con cargo ao convenio, un total de 30 capataces que se están a encargar da supervisión do estado de xestión da biomasa, sumados a outras 15 persoas que xa viñan traballando no territorio. Nesta revisión estase a priorizar, ademais de Boborás, os concellos de Porto do Son, Guitiriz, Cualedro, Oímbra, A Gudiña, Verín, Sandiás, Arbo e Mondariz.

Nesa liña, o conselleiro sinalou que as actas de inspección se están a incorporar á aplicación Xesbío para que os concellos xeren as notificacións correspondentes. Así, proximamente remitiranse ao DOG e ao BOE para publicar as notificacións de arredor de 31.500 parcelas de propietarios non localizables.

Por último, José González lembrou as diferentes actuacións que contempla o convenio de protección das aldeas ao que xa están adheridos 270 concellos galegos, sinalando que ademais das accións nas faixas secundarias, as máis próximas ás casas, contempla a xestión da biomasa en vías de titularidade municipal, ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano, con cargo ao convenio, así como 10 ha de execución subsidiaria, tamén por concello e ano.

A maiores, está incluída a posta en marcha de iniciativas estratéxicas, é dicir, de proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que se consideren de especial transcendencia e as aldeas modelo para recuperar parcelas arredor de núcleos de poboación. Nesa dirección, hai xa 44 figuras deste tipo en diferentes etapas ou fases de execución e 14 declaradas.

Outra actuación vén dada polo reforzo a actuacións preventivas mecanizadas nos concellos adheridos, que permitirá acadar unha superficie de actuación en áreas cortalume próxima ás 1.500 ha. Tamén se traballa no marco das iniciativas veciñais para o cumprimento das medidas preventivas nas faixas secundarias, como a que supuxo a entrega á Asociación medioambiental “Axuge” de Lobios de media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios como serradoiros e tesoiras cortarramas.

Asistencia técnica

No que atinxe á asistencia técnica aos concellos, José González destacou que a Xunta segue apoiando aos consistorios para a tramitación dos seus plans de prevención e defensa contra incendios, chegando xa aos 232 plans enviados a outros tantos municipios. Deles, 130 xa están aprobados e 41 contan con informe favorable da Consellería e están pendentes da aprobación no Pleno dos concellos.

Canto ás ferramentas tecnolóxicas a disposición dos 270 concellos adheridos, o convenio contempla un visor de traballo que permite determinar e visualizar as parcelas afectadas por faixas secundarias e á aplicación Xesbío, para a xestión dos numerosos rexistros que xera o convenio.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural