A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta semana coa alcaldesa

Medio Ambiente compromete o seu apoio técnico na planificación de solo empresarial de Santa Comba

Ángeles Vázquez salienta a necesidade de dispor dun estudo sobre a demanda real de superficie por parte do tecido empresarial

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comprometeuse coa alcaldesa de Santa Comba, María Pose, a colaborar e prestar apoio técnico para a planificación do solo empresarial no concello.

A conselleira e a alcaldesa mantiveron esta semana o primeiro encontro, despois de que Pose accedese ao cargo, no que analizaron os principais proxectos para o municipio.

A conselleira indicoulle que para avanzar nesa planificación é preciso coñecer os intereses e as demandas do tecido empresarial do concello. Nese sentido, apostou por realizar un estudo para programar a demanda real de solo para os vindeiros anos.

Insistiu en que os responsables e técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo están á disposición dos técnicos do Concello, para axudalos e orientalos nos instrumentos e mecanismos necesarios para esta análise.

Imaxes relacionadas