A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na presentación do novo modelo de embarcación deportiva ‘Mínimo 8’, da empresa Mínimo Boats

A Xunta pon en valor o turismo náutico como alternativa segura, accesible e sustentable

A oferta de Galicia neste eido amplíase con iniciativas como a de Mínimo Boats que durante máis de tres anos traballou na idea dunha embarcación deseñada para funcionar como apartamento flotante ao mesmo tempo que serve para a navegación

O Porriño (Pontevedra), 27 de xullo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta tarde na presentación do novo modelo de embarcación deportiva Mínimo 8, da empresa Mínimo Boats onde estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo Marta Fernández-Tapias e pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas. Alí a conselleira puxo en valor o turismo náutico como alternativa segura, accesible e sustentable e sinalou que esta actividade conta cun amplo abanico de posibilidades comerciais e deportivas que xeran riqueza e negocio, o que a converte en estratéxica para os portos de Galicia e para as comarcas nas que se sitúan.

Unha oferta, especificou a titular de Mar, que se amplía con iniciativas como a de Mínimo Boats, que durante máis de tres anos traballou na idea dunha embarcación deseñada para funcionar como apartamento flotante ao mesmo tempo que serve para a navegación. Con ese fin Mínimo 8 ten unha eslora de 8 metros e capacidade de aloxamento para seis persoas, dispón de dous camarotes dobres con roupeiros, cociña, salón-comedor con dous sofás-cama dobres e cuarto de baño. Ademais na parte superior conta con terraza.

Estas prestacións, subliñou a conselleira, converten a Mínimo 8 nunha embarcación conceptualmente novidosa, moderna, sustentable e moi luminosa e nunha oferta potencial para usuarios particulares ou empresas que o destinen ao alugueiro turístico. Isto, salientou Rosa Quintana, é un exemplo da calidade que ofrece Galicia na prestación e xestión dos servizos vencellados ao turismo náutico-recreativo.

Nesta liña expuxo que a comunidade autónoma galega apostou desde sempre pola sustentabilidade nas instalacións portuarias náutico-deportivas da man da Q de calidade turística e que este ano reforzou o seu selo de calidade coa incorporación da bandeira Galicia Calidade nos principais portos deportivos.
 

Imaxes relacionadas