A Xunta organiza dende mañá nas Pontes un curso para o perfeccionamento da apicultura

Organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e impartida polo CFEA de Becerreá, a iniciativa persegue fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo á sustentabilidade da economía rural
 

O curso, que se celebrará na Casa do Mel de Goente, está dirixido a persoas vinculadas coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego
 

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- organiza na Casa do Mel de Goente, no concello coruñés das Pontes, un curso para o perfeccionamento da apicultura. Así, dende mañá ata o vindeiro domingo 1 de agosto impartiranse un total de 25 horas lectivas que perseguen fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo á sustentabilidade da economía rural.

Así mesmo, a acción impartida polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá busca impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables economicamente, facilitando a entrada no sector de apicultores adecuadamente formados. Nesa liña, quérese fomentar a transferencia de coñecementos e innovación aos produtores para alcanzar os obxectivos da Estratexia Europa 2020 dun crecemento intelixente, sustentable e integrador. Ao tempo, perséguese apoiar a prevención e a xestión de riscos nas explotacións apícolas e restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa apicultura.

O programa formativo, que consta de 10 horas teóricas e 15 prácticas, abordará primeiramente a bioloxía do enxame en relación ao apicultor e á colmea, tratando a maquinaria para a elaboración dos diversos produtos e os tipos de colmeas, entre outras cuestións. Tamén se falará da instalación do apiario e do manexo das colmeas e multiplicación de núcleos, a saúde das abellas e os obxectivos produtivos nunha explotación apícola. A maiores, tratarase a calidade do mel e o regulamento da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, a normativa sobre a ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas galegas e sobre a venda directa de produtos primarios, así como a prevención de riscos laborais na apicultura.

Cabe engadir que o curso está dirixido a persoas vinculadas coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Así, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, a Agacal pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector apícola neste caso e do sector agrícola e forestal en xeral tanto a nivel técnico como económico. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.
 

Departamento:
C. do Medio Rural