A Xunta analiza co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia os principais retos da área de Inclusión Social

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo un encontro coa entidade na que abordaron o avance dos traballos para a reforma da Lei de Inclusión Social de Galicia

Durante a reunión tamén se trataron propostas de mellora do Sistema Galego de Servizos Sociais, facendo fincapé na necesidade de continuar a reforzar o persoal técnico dos servizos sociais comunitarios

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia na que abordaron diversas cuestións relacionadas coas políticas en materia de inclusión social. En especial trasladáronse propostas de mellora do Sistema Galego de Servizos Sociais, facendo fincapé na necesidade de continuar a reforzar o persoal técnico dos servizos sociais comunitarios.

Neste senso, o representante autonómico compartiu co Colexio o avance dos traballos de reforma da Lei de inclusión social de Galicia, na que está a traballar a Administración autonómica. O obxectivo desta adaptación legal é modernizar e axilizar os recursos a disposición das familias máis vulnerables, e estase a deseñar en estreita colaboración coas entidades e os profesionais que traballan no sector.

Arturo Parrado sinalou que redefinir a renda autonómica (Risga) e as Axudas de Inclusión Social (AIS) para adaptalas á realidade actual é unha das cuestións fundamentais que se abordarán na reforma da lei, co fin de acomodalas ao novo contexto xurdido da entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Así mesmo, apuntou que se aproveitará esta reforma para simplificar e reducir ao máximo a burocracia, co fin de que a tramitación destas axudas sexa o máis rápida e áxil posible.

Con encontros como o de hoxe, nos que se reciben as achegas dos distintos axentes sociais expertos na materia, preténdese acadar unha norma que conte coa maior participación e consenso posible.