A Xunta licita por case 1,3 millóns de euros as obras de construción da nova planta de transferencia de Ponteceso

Esta instalación, que substituirá á actual microplanta, localizada no parque empresarial de Tella, terá unha maior capacidade, prestacións e eficiencia, coa previsión de que entre en funcionamento en setembro de 2022

Ademais de transvasar a bolsa negra, a nova instalación acollerá a bolsa amarela e a materia orgánica recollida a través do contedor marrón

A capacidade máxima será de 12.500 toneladas, para dar servizo a Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Malpica e Laxe, así como a outros concellos próximos

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia licita hoxe por case 1,3 millóns de euros as obras de construción da nova planta de transferencia de Ponteceso. A plataforma autonómica de contratos públicos publica hoxe este contrato da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), ao que se poden presentar ofertas ata o 27 de agosto.

Esta futura planta virá substituír á actual microplanta, localizada nas inmediacións do parque empresarial de Tella, co obxectivo de dotala de maior capacidade, prestacións e eficiencia. A previsión é que estea operativa en setembro de 2022.

A licitación contempla a redacción do proxecto de execución e actividade; o deseño, construción, subministración e posta en marcha da planta; e a xestión integral do proxecto, que se desenvolverá baixo o concepto de chave en man.

Na actualidade, esta instalación unicamente está a transvasar a bolsa negra (fracción non reciclable recollida a través do contedor verde xenérico); polo que a nova planta poderá transferir a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo) e, así mesmo, a materia orgánica recollida de forma selectiva a través do quinto contedor, de cor marrón.

A fin de levar a cabo esta tripla función, a infraestrutura situarase nunha parcela de 5.235 m2 e contará co equipamento necesario para levar a cabo a súa actividade coas máximas garantías: báscula, compactador fixo, sistema de translación de contedores, dimensionado para dous, aparcadoiro de contedores, edificio de oficina, vestiario e almacén. Ademais de todo isto, servirase de paneis solares para o seu propio autoconsumo, fomentando desta forma as enerxías renovables.

Terá capacidade para transferir 12.500 toneladas anuais de residuos urbanos e inicialmente dará servizo a catro municipios: Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños e Laxe, que aglutinan unha poboación superior a 18.000 habitantes. Non obstante, poderán facer uso da mesma outras localidades próximas, como Camariñas e Vimianzo.

Co obxectivo de axudar aos entes locais nesta responsabilidade municipal, a Xunta impulsou distintos proxectos para cumprir con este reto. Así, a planta de Ponteceso é unha das instalacións que forma parte da rede de infraestruturas industriais, deseñada polo Goberno galego, para facilitar que máis de 2,2 millóns de galegos conten cun servizo de valorización da materia orgánica a menos de 50 quilómetros.

A rede estará integrada por 4 plantas de biorresiduos (unha en funcionamento –a de Cerceda- e tres que construirá a Xunta en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín) e 13 plantas de transferencia como a que sae hoxe a licitación.