A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde asinaron un acordo de colaboración

A Xunta achega máis de 93.000 euros para mellorar a accesibilidade da praza da Pedreira, no lugar da Seara, en Cartelle

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará máis de 93.000 euros, un 70% do orzamento total, para a execución de obras para humanizar e mellorar os accesos da praza de Pedreira, localizada no lugar da Seara, no concello de Cartelle.

A conselleira, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Jaime Sousa, acaban de asinar un acordo de colaboración, onde se recolle que a Xunta licitará as obras, unha vez que se conte co proxecto aprobado polo Concello, que tamén asumirá o mantemento e conservación unha vez recepcionadas as actuacións.

Ángeles Vázquez indicoulle que este tipo de iniciativas son prioritarias para o Goberno galego, que aposta por apoiar e financiar proxectos cos que se melloren os espazos das vilas galegas e, sobre todo, aqueles que melloran a funcionalidade e dan prioridade de uso aos veciños.

Por último, salientou que se trata dunha actuación que é acorde co Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para colaborar economicamente coas entidades locais na execución de diferentes intervencións e proxectos, co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar infraestruturas de uso público e colectivo. Desde a súa posta en marcha, mobilizou un orzamento de case 150 millóns de euros en case 320 actuacións.

Imaxes relacionadas