A Xunta adxudica por máis de 1 millón de euros á renovación de 200 novas marquesiñas de autobús na comunidade

Os servizos inclúen a fabricación e subministro dos novos refuxios a partir dun deseño integrado nas contornas rurais para proceder, posteriormente, á súa distribución

Os traballos, que contan cun prazo de 20 meses, danlle continuidade á 1ª fase, na que se dispuxeron 152 marquesiñas, con versións rurais e urbanas, en diferentes municipios

Esta intervención enmárcase no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público, para facilitar a espera do autobús por parte dos usuarios

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a renovación de 200 novas marquesiñas de transporte público na comunidade cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.

O contrato para a fabricación e subministro dos novos refuxios conta cun prazo de execución de 20 meses.

As actuacións en contratación inclúen a fabricación destes refuxios a partir dun deseño integrado nas contornas rurais para proceder, posteriormente, á súa distribución.

Esta nova iniciativa do departamento que dirixe Ethel Vázquez vénse sumar á primeira fase, impulsada en 2018, mediante a que xa se instalaron un total de 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público que está a impulsar o Goberno galego co obxectivo de fomentar unha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia.

A Consellería de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, achégalles as marquesiñas aos concellos para que as instalen e asuman a súa conservación e mantemento.

Trátase de instalacións axeitadas ás paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada que ofrezan ao usuario unha protección fronte as inclemencias meteorolóxicas e melloren a comodidade durante a espera.

As marquesiñas contan cun deseño integrado na paisaxe, incluíndo materiais autóctonos como a madeira.

A Xunta, tras completar o Plan de Transporte Público de Galicia, continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade.

Imaxes relacionadas