A Xunta destaca a importancia das actividades de ocio seguro e saudable para as persoas maiores durante a excursión dos usuarios da residencia de Monforte á Ribeira Sacra

Lugo, 27 de xullo de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañou hoxe aos usuarios da Residencia da Terceira Idade de Monforte de Lemos na súa excursión polos distintos recunchos de Lugo. Alí, o representante autonómico puxo en valor a necesidade de levar a cabo estas actividades que permiten aos maiores volver saír ás rúas para poder practicar ocio seguro e saudable de xeito cotiá.

Os usuarios desta residencia visitaron a bodega Regina Viarum, onde puideron percorrer as instalacións e observar o proceso de traballo rutineiro que se leva a cabo nunha bodega. Continuaron a excursión asomándose ao Miradoiro do Duque, o único que ten Monforte de Lemos sobre o Canón do Sil, cunhas vistas nas que se pode divisar os viñedos de Amandi, o embarcadoiro de Doade e alén do río Castro Caldelas e A Teixeira. Ademais, os residentes realizaron unha ruta no tren turístico que os achegou aos diferentes puntos da Ribeira Sacra e que percorreu as empinadas ladeiras da zona, unha actividade coa que os maiores desfrutaron especialmente da natureza e das paisaxes que ofrece Galicia.

Imaxes relacionadas