O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e os tres reitores do Sistema Universitario de Galicia (SUG) deron a coñecer a manifestación de interese de cada unha das universidades sobre estas novas titulacións

A práctica totalidade dos 13 novos másteres que impartirán as tres universidades galegas serán compartidos

Deseñados en base ao estudo de perfís e profesións de maior demanda na próxima década, estas titulacións comezarán a impartirse no curso 2023/24

Distribúense arredor de catro grandes eixos: Ciencias, Ciencias de Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñería e Arquitectura

Román Rodríguez destaca o gran consenso para acadar “unha oferta de primeiro nivel en áreas punteiras e que forme aos profesionais do futuro conectados coas tendencias da sociedade”

Pon en valor o modelo de colaboración e diálogo establecido entre Xunta e universidades para aproveitar sinerxías e avanzar no novo Mapa de Titulacións
 

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os reitores das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), Antonio López (Universidade de Santiago de Compostela), Manuel Reigosa (Universidade de Vigo) e Julio Abalde (Universidade da Coruña), presentaron hoxe a manifestación de interese que cada unha das universidades amosou sobre os 13 novos másteres deseñados ao abeiro do estudo Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, impulsado pola Xunta de Galicia e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

“Unha iniciativa –sinalou o conselleiro– pioneira en todo o Estado na que participaron máis de 80 expertos e que serviu para definir un listado de 13 másteres universitarios adaptados ás necesidades da sociedade do futuro que completarán, mellorarán e reforzarán a oferta académica das nosas universidades”. O informe foi presentado o pasado mes de xaneiro, e inclúe as principais titulacións para axustar a oferta de títulos aos novos perfís profesionais da vindeira década, en eidos específicos como a economía circular, a biofabricación, a innovación educativa, o vehículo autónomo ou a intelixencia artificial.

Aposta polas titulacións interuniversitarias

Os 13 novos másteres distribúense arredor de catro grandes áreas: Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e a Enxeñería e Arquitectura; sobre as que as universidades galegas xa manifestaron o seu interese.

Na primeira das áreas está previsto poñer en marcha as titulacións de máster en Economía Circular (UDC, USC e UVigo), en Fabricación Aditiva (UDC e UVigo), en Xestión Sostible e Avanzada da Auga (UDC, USC e UVigo) e en Tecnoloxía Téxtil (UDC).

No que respecta ás Ciencias da Saúde implantaranse as titulacións de máster en Biofabricación (UDC, USC e UVigo), en Cronicidade e Novos Modelos de Atención Sociosanitaria (UDC e USC) e en E-saúde (UDC, USC e UVigo), mentres que na área de Ciencias Sociais e Xurídicas os novos másteres serán os de Comportamento do Consumidor e Experiencia de Cliente (UDC, USC e UVigo), en e-government e Transformación Dixital (UDC, USC e UVigo) e en Innovación Educativa (UDC, USC e UVigo).

Finalmente, no ámbito da Enxeñería e a Arquitectura, o estudo Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias sinalou como titulacións a deseñar os másteres en Internet das cousas (UDC, USC e UVigo), en Realidade Extendida (UDC, USC e UVigo) e en Vehículos Autónomos (UDC, USC e UVigo).

En definitiva, ámbitos todos eles que veñen dar resposta á necesidade de especialización e dominio de destrezas fundamentalmente tecnolóxicas, “formando profesionais conectados coas novas tendencias desta sociedade en constante movemento, que manexen as principais tendencias tecnolóxicas, medioambientais ou económicas”, e que permitan que as universidades continúen xogando “un papel fundamental como un dos principais motores no desenvolvemento económico das sociedades avanzadas”, explicou o conselleiro.

En calquera caso, poderá haber variacións en función dos traballos técnicos que deben realizar a partir de agora ás universidades e a distribución por campus darase a coñecer cando o proceso para a implantación estea máis avanzado. De feito, constituiranse 13 comisións de traballo, unha por cada novo máster, para traballar nas memorias de cada titulación. O obxectivo é que as novas titulacións poidan comezar a impartirse no curso 2023/2024.

Marco de cooperación e xenerosidade

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou o consenso coas tres universidades á hora de abordar estas titulacións, “baixo un marco de cooperación e xenerosidade, tomando como referencia o acordo marco que asinamos o pasado mes de xuño para pechar o Mapa de Titulacións do Sistema Universitario de Galicia ata 2026, que dá continuidade á senda de colaboración e diálogo que vimos mantendo o Goberno galego e as tres universidades”.

“Unha batería de acordos –destacou o conselleiro– que servirán para adaptar á nosa Comunidade e por suposto ás nosas universidades á sociedade do futuro, ofrecendo unha oferta formativa de primeiro nivel dentro da nosa Comunidade nalgunhas das áreas máis punteiras e apostando por valores como a innovación, a empregabilidade e a especialización como ferramentas para o progreso social e económico”.

Reparto equilibrado

Así mesmo puxo en valor o equilibrio da manifestación de interese feita sobre estas titulacións, apostando polas de carácter interuniversitario, “xa que a práctica totalidade, 12 dos 13 másteres involucran a dúas ou tres universidades”, destacou.

Tal e como aclarou o representante da Xunta, o proceso realizouse en colaboración coas universidades atendendo a criterios obxectivos acordados entre as partes como a relación das distintas titulacións co tecido socioeconómico da contorna (co fin de favorecer a empregabilidade dos egresados e o intercambio de coñecemento entre as universidades e o tecido empresarial), as características do profesorado dispoñible e a garantía de calidade da titulación e a adecuación dos másteres coa estratexia de especialización dos campus.

Establecemento de sinerxías

Román Rodríguez puxo en valor a aposta polas titulacións interuniversitarias como “o resultado da nosa firme convicción á hora de impulsar a colaboración e a creación de sinerxías entre as nosas universidades”, cun modelo “que favorece a eficacia e a eficiencia dos nosos campus, fomentando o intercambio de coñecemento e de todo tipo de recursos, humanos e materiais, entre os diferentes campus e que fai que todo o capital das nosas universidades se sume e mesmo se multiplique”.

Neste sentido, sinalou que dos 185 másteres que imparten neste momento no SUG, 38 son interuniversitarios, cifra que superará os 50 coa posta en marcha destas novas titulacións.
 

Imaxes relacionadas