A Xunta colabora co TradFest de Santiago, que reúne máis de 60 artistas para festexar a música de raíz

O encontro celebrarase o vindeiro sábado 31 na praza da Quintana e no parque de Bonaval como parte da programación das Festas do Apóstolo

O director de Industrias Culturais participou na presentación do evento, que inclúe máis de 20 concertos, unha feira de artesanía e ruadas, entre outras actividades

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021

Santiago de Compostela festexará o vindeiro sábado 31 a contemporaneidade da nosa música de raíz cunha nova edición do TradFest, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de 20 concertos, ruadas e unha feira de artesanía, entre outras actividades, coa participación de máis de 60 artistas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do evento xunto con Gonzalo Muíño, concelleiro de Festas de Santiago, e os representantes da organización: Vítor Belho, de Nordesía Producións, e Mauro Senín, de aCentral Folque. Interveu, así mesmo, Antía Ameixeiras, unha das artistas que actuarán no encontro promovido polo Concello de Santiago e La Voz de Galicia.

Máis de 3000 actividades este verán

Sutil subliñou a relevancia, nestes tempos marcados pola situación sanitaria, de propostas que, como esta, ofrecen unha plataforma de difusión e contratación para os profesionais da nosa música e da nosa cultura, posibilitando a reactivación da actividade no sector e o reencontro co público. Destacou, ademais, que nesta mesma liña está a traballar a Xunta de Galicia, prestando o seu apoio á continuidade de iniciativas como a marca FEST Galicia e os seus 13 festivais de música asociados e programando máis de 3000 actividades durante todo o verán no marco da celebración do Xacobeo 21-22.

O apoio do Goberno galego ao TradFest recoñece tamén o seu papel na posta en valor da música popular actual como herdeiro do antigo Certame Folk de Santiago. Enmarcado na programación das Festas do Apóstolo, o evento inclúe as actuacións da Banda das Crechas, Felisa Segade, Os da Porfía, Marcos Coll, Caamaño & Ameixeiras e Sheila Patricia na praza da Quintana, mentres que no parque de Bonaval se unirán tamén Antonio Prado e Miguel Vázquez, Mózart á Galega, Tobie Miller, Tor, Grupo 1500, Xico de Carinho e Cuchús Pimentel, Najla Shami, Arredor da Tradición, Caldo e Cuarteto Caramuxo, entre outros.