Sogama implica aos mozos da Baña na protección da natureza a través da correcta xestión dos residuos

Educadores de Sogama impartiron unha actividade formativa a un grupo de nenos e adolescentes da asociación Anxiños do municipio

A Lama (Pontevedra), 26 de xullo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aposta pola formación e concienciación da sociedade, sobre todo desde as idades máis temperás, para avanzar no coidado do medio ambiente.

Por este motivo, educadores de Sogama desprazáronse esta mañá ao municipio da Baña para impartir unha sesión formativa na sede de Anxiños, unha asociación sen ánimo de lucro cuxo labor é atender, de forma integral, a nenos e adolescentes con trastornos mentais.

Dado o gran interese desta organización en conectar aos usuarios coa natureza e facelos partícipes na protección da mesma, a súa presidenta, Ruth Gómez Vázquez, solicitou a colaboración de Sogama e a Xunta para levar a cabo unha xornada teórico-práctica con tinguiduras lúdicas na que nenos e adolescentes puidesen coñecer a problemática que trae consigo a elevada xeración de residuos e como xestionalos de forma correcta para evitar o seu negativo impacto sobre a contorna.

Dada o grande interese, ambiental e social desta xornada, o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e a xefa territorial de Medio Ambiente da Coruña, Cristina Carrión Rodríguez, quixeron visitar este centro para mostrar o seu apoio a unha causa tan nobre e entregar aos pequenos diverso merchadising corporativo, a fin de fomentar dalgunha forma a súa activa participación na consecución dun medio ambiente limpo e saudable.

Así mesmo, e dado que contan con servizo de comedor e terreo, Sogama proporcionou á asociación un composteiro, con capacidade para 400 litros, que lles permitirá elaborar, dunha forma hixiénica, cómoda e eficiente, abono natural a partir dos refugallos orgánicos. Con isto, propiciarase que interioricen o valor dos residuos e a posibilidade de transformalos en recursos, evitando o desmesurado consumo de materias primas virxes.

Domínguez Lino e Carrión Rodríguez aproveitaron a ocasión para felicitar a esta entidade, e moi especialmente á súa presidenta, Ruth Gómez, pola súa profesionalidade, compromiso, esforzo e dedicación na mellora da calidade de vida dos usuarios, preparándoos para o futuro, á vez que asesoran e orientan ás súas familias.

Tras as explicacións iniciais, as monitoras saíron ao exterior cos pequenos para que todos eles participasen na montaxe do composteiro, explicando in situ o proceso de fermentación da materia orgánica e as excelentes propiedades que o compost resultante ten para o solo, xa que o nutre, fortaléceo e mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.

A filosofía de Anxiños evidencia, unha vez máis, que o coidado do medio ambiente constitúe unha excelente canle para a educación integral da poboación, un valioso instrumento de carácter social e un tesouro para mellorar a calidade de vida dos máis vulnerables.
 

Imaxes relacionadas