Augas de Galicia e a organización ecoloxista dan continuidade ao programa de voluntariado e educación ambiental sobre os ríos iniciado hai 17 anos e no que a nosa Comunidade é unha referencia estatal

A Xunta e Adega renovan a cooperación para fomentar entre a mocidade o coñecemento e o coidado dos recursos fluviais de Galicia a través do 'Proxecto Ríos'

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, financia con 50.000 euros este programa de voluntariado e educación ambiental, que conta con apoio técnico do Instituto de Estudos do Territorio

A Xunta asesora e financia os programas, cursos e accións formativas que organiza Adega para achegar aos participantes o coñecemento sobre os ríos e a sensibilización sobre o seu coidado

A programación das actividades deste ano, con saídas formativas, xornadas presencias ou de limpeza nos ríos seguen as medidas derivadas da situación sanitaria da covid-19

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021

A Xunta e Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia (ADEGA) veñen de renovar a súa cooperación para fomentar entre a mocidade o coñecemento e coidado dos recursos fluviais de Galicia a través do ‘Proxecto Ríos’.

Deste xeito, a Xunta e Adega manteñen activa a súa colaboración e dan continuidade a este programa de voluntariado e educación ambiental iniciado hai dezasete anos, e no que Galicia é referencia estatal.

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, financia con 50.000 euros as actividades coordinadas pola asociación ambientalista baixo o paraugas deste programa, no que o Instituto de Estudos do Territorio achega o soporte para a xeorreferenciación.

A colaboración vén avalada polas boas cifras do programa ‘Proxecto Ríos’ e a súa contribución para achegar os ríos á poboación, educar en torno á protección e conservación dos ecosistemas que os conforman, así como na sensibilización dos participantes e as súas responsabilidades, especialmente no relativo á contaminación das augas e no seu bo mantemento.

O acordo mantén o obxectivo de seguir incrementando a participación cidadá no programa ‘Proxecto Ríos’, a través de accións e actividades formativas cursos ou campañas de limpeza. Con estas actividades se segue a afondando na toma de conciencia da importancia da protección do medio natural e no espertar dunha maior preocupación e implicación no coidado dos río entre as novas xeracións.

O acordo recolle ademais a programación do ‘Proxecto Ríos’ para este ano 2021, así como as posibles modificacións da mesma ao longo do ano, ao verse afectada polo medidas derivadas da crise sanitaria da covid-19.

Deste xeito, as actividades de acompañamento, xornadas presencias e resto de actividades programadas pódense substituír, segundo o caso, por accións compatibles coas medidas vixentes en cada momento, e inclúen a elaboración de materiais e infografías adicionais que melloren a divulgación dos obxectivos do proxecto.

Neste acordo, xunto ás campañas de primavera e do outono, inclúense entre outras actividades, a limpeza simultánea de ríos, roteiros ou saídas puntuais para realizar rutas de sendeirismo polos ríos, xornadas de formación de coordinadores do ‘Proxecto Ríos’ ou o encontro anual dos voluntarios.

Coa renovación da colaboración mantense a prestación de apoio e asesoramento por parte da Xunta aos programas formativos que desenvolva Adega. Ademais, Augas de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio e Adega manterán a colaboración na elaboración da lista que determine os treitos fluviais prioritarios para acadar a máxima eficiencia no desenvolvemento das actividades programadas de limpeza e de inspeccións.

Deste xeito, toda a información sobre a evolución deste programa estará dispoñible no xeoportal do ‘Proxecto Ríos’, creado para a divulgación á sociedade do estado de saúde dos ríos inspeccionados polo voluntariado. Ao tempo que toda a documentación xerada e as actividades realizadas manteranse actualizadas na páxina web www.proxectorios.org, para a súa consulta e mellor coñecemento cidadá.

Imaxes relacionadas