A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro mantivo un encontro cos representantes das confrarías da ría de Ferrol e visitou o banco das Pías

A Xunta constata a mellora do recrutamento de ameixa na ría de Ferrol froito das accións realizadas no marco do Plan de Xestión das Pías

Un informe coordinado polo Centro de Investigacións Mariñas revela que a taxa de recrutamento na zona pasou dun exemplar xuvenil por cada reprodutor a valores superiores a seis xuvenís por cada exemplar adulto

O Executivo galego segue a executar o plan de xestión do banco marisqueiro das Pías, que se atopa na fase de adición de áridos e que, coas accións realizadas desde 2019 así como as previstas este ano, suma un investimento de máis de 1,2 millóns de euros

As campañas de control de depredadores desenvolvidas este ano para atallar a mortalidade dos moluscos bivalvos permitiron retirar máis de 3.000 estrelas de mar

A Consellería do Mar está a analizar as causas da presenza do parasito Perkinsus olseni na ría e posibles medidas adicionais para impulsar a mellora da produtividade dos seus bancos marisqueiros
 

Ferrol, 24 de xullo de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, mantivo esta semana un encontro cos representantes das confrarías da ría de Ferrol no que avaliou a situación do marisqueo na zona e visitou o banco das Pías, onde se están a realizar traballos de aporte de áridos no marco do plan de xestión deseñado para mellorar a súa produción. A representante da Consellería do Mar trasladou ao sector que o último informe coordinado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) sobre a evolución deste banco constata que se produciu unha mellora nas taxas de recrutamento de ameixa froito das distintas accións desenvolvidas na zona desde 2019.

O documento salienta que a posta en marcha do plan de xestión do banco marisqueiro das Pías así como a implantación dunha veda temporal e os controis máis estritos dos exemplares capturados permitiron recuperar os recrutamentos desde niveis inferiores a un individuo xuvenil por cada reprodutor a valores superiores a seis xuvenís por cada exemplar adulto.

Esta mellora, destacou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, mostra que os traballos realizados desde 2019 no banco das Pías están a dar froitos e anunciou que a Xunta vai seguir traballando nesta liña. O plan de xestión desta zona marisqueira implicou distintas accións como o seguimento das poboacións de moluscos bivalvos, o establecemento dun punto de control na contorna das Pías, a remoción de substrato nunha superficie de máis de 85.000 metros cadrados para aumentar a biodiversidade da zona ou a adición de áridos en 40.000 cúbicos de áridos nunha superficie de máis de 25.000 metros cadrados zona leste do banco, unha actuación que se está a realizar na actualidade en distintas fases.

A estes traballos engádese a realización de campañas de retirada de estrelas de mar -que poderían estar influíndo na mortalidade da ameixa babosa-, un labor que comezou a finais de novembro de 2019 empregando dúas caceas de 15 nasas cebadas que son retiradas diariamente e a carnada renovada. De feito, no que vai de 2021 desenvolvéronse dúas campañas de control de depredadores que permitiron retirar 3.079 exemplares de estrelas de mar da zona.

‘Perkinsus olseni’

Non obstante, Susana Rodríguez lembrou que entre os factores que inflúen na mortalidade da ameixa babosa na ría de Ferrol está tamén o parasito Perkinsus olseni, un aspecto que a Consellería do Mar tamén está a estudar a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar). Neste sentido, un estudo encargado á Universidade de Santiago de Compostela (USC) revela que as características da auga na ría de Ferrol son normais e que non inflúen de xeito negativo na reprodución e supervivencia das poboacións de moluscos bivalvos comerciais presentes nela. Do mesmo xeito, a calidade da auga tampouco semella ser a causa da elevada presenza deste parasito na zona.

Ante esta situación, o Executivo galego vai continuar realizando un seguimento exhaustivo do banco e estudando todos os factores que inflúen na produtividade da ría de Ferrol co obxectivo de avaliar posibles accións adicionais coas que favorecer a mellora das poboacións de moluscos bivalvos.

Os traballos realizados desde 2019 e previstos ao longo deste ano no banco das Pías no marco do seu plan de xestión supoñen un investimento global de máis de 1,2 millóns de euros, un importe que pode incrementarse nos vindeiros meses en caso de que se aproben novas medidas para impulsar a recuperación da produción marisqueira na súa contorna.

O Executivo galego lembra que en setembro de 2018 a Delegación do Goberno en Galicia anunciou ás confrarías que ía encargar un estudo técnico e biolóxico da ría ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex), un traballo que aínda non comezou e que sería fundamental para determinar os seguintes pasos a dar co obxectivo de mellorar a produtividade da ría de Ferrol.