A Xunta activa axudas por 255.000 euros para impulsar a comercialización física do sector artesán galego

A convocatoria, posta en marcha desde a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, contempla apoios de ata 8000 euros para obradoiros, 15.000 para concellos e 30.000 euros para asociacións profesionais e empresariais

O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de agosto e as axudas poderán acadar o 80% do investimento
 

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2021

A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de convocar unha nova orde de axudas para impulsar as vendas e a competitividade do sector artesán galego. A iniciativa conta cun orzamento de 255.000 euros para actuacións de comercialización física do sector artesán galego, e está dirixida a obradoiros artesáns, concellos e asociacións.

Na convocatoria contémplanse apoios de ata 8000 euros para os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que participen en feiras tanto profesionais como de venda directa. No caso dos concellos, poderán solicitar axudas para a organización de feiras monográficas cuxo obxectivo sexa a venda e a posta en valor de produtos dun mesmo oficio tradicional, para o que terán un apoio máximo de 15.000 euros, así como para a organización de feiras non monográficas de diferentes oficios con apoios de entre 1500 e 3000 euros, en función do número de obradoiros participantes da marca Artesanía de Galicia.

Os apoios para a organización de feiras de artesanía na Comunidade impulsadas por asociacións profesionais e empresariais do sector poderán chegar ata os 30.000 euros, sempre e cando conten cun 80% de participantes inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes para estas axudas, que se concederán en concorrencia competitiva e que poderán chegar ata o 80% do investimento, remata o 23 de agosto. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50% do importe da axuda concedida.

 

Imaxes relacionadas