A Xunta licita o proxecto do centro integral de saúde para a cidade de Ourense

O plan funcional que agora se plasmará en proxecto arquitectónico contempla a reforma integral do actual Centro de Saúde Nóvoa Santos, incrementando as alturas do edificio e a súa conversión en CIS

A creación do CIS engadirá servizos radiolóxicos, de saúde mental e urxencias, un circuíto específico para pacientes infecciosos; ou a aplicación de programas para pacientes crónicos e pluripatolóxicos e outros de rehabilitación integral

Esta aposta pola renovación integral do Servizo Galego de Saúde inclúe, na provincia, a construción ou reforma de 13 centros de saúde máis
 

Ourense, 23 de xullo de 2021

Coa licitación do proxecto arquitectónico, o Centro de Saúde Novoa Santos dá o seu primeiro paso para convertirse no primeiro Centro Integral de Saúde da provincia grazas a un investimento que se achegará aos 9 millóns de euros e que permitirá a súa reforma integral aumentando ademais ás súas alturas, como anunciu hoxe en Ourense o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

A creación deste Centro Integral de Saúde foi anunciada o pasado 2 de xullo polo presidente da Xunta de Galicia, dentro dun ambicioso proxecto de futuro para a sanidade pública ourensá que contempla investimentos por valor de 120 millóns de euros, tanto no eido hospitalario como no de primaria e que xa tivo o seu primeiro cumprimento coa licitación nesa mesma xornada dunha obra de 52,6 millóns no CHUO consistente nun novo edificio de hospitalización e da reforma do hospital materno-infantil.

Esta semana, coa publicación da licitación do proxecto arquitectónico do CIS, por un importe de preto de 350.000 euros, prodúcese un novo fito no avance dese ambicioso proxecto do goberno galego para a sanidade pública ourensá. A licitación, con toda a documentación correspondente aos pregos técnicos, está xa publicada na plataforma de contratos públicos de Galicia e o prazo de presentación de ofertas remata o 19 de agosto.

Este novo CIS contempla a ampliación e integración de servizos, para mellorar a funcionalidade da atención sanitaria no centro urbano, incorporando unidades de diagnóstico, con equipos e salas de ultrasóns e radiodiagnóstico; de saúde mental ou de rehabilitación ubicando no mesmo espazo o Punto de Atención Continuada (PAC), o que permitirá deseñar circuítos asistenciais específicos adaptados, en clave de futuro, aos itinerarios clínicos necesarios.

O responsable do departamento sanitario da Xunta destacou que, con este investimento, Ourense contará cunha nova infraestrutura de máis de 5.600 m2 que unificará e aumentará os servizos sanitarios da cidade. Os Centros Integrais de Saúde son para a Consellería de Sanidade un modelo de atención a estender e a potenciar. De feito, a Xunta leva meses avanzando na obra do Lugo e vén de comezar a do de Lalín, cuxa construción está avanzado por diante dos prazos previstos. Ademais, cóntase xa co proxecto do CIS Olimpia Valencia de Vigo, coa intención de licitar a súa obra proximamente.

Unha obra moi esperada

O actual Centro de Saúde Novoa Santos ocupa un edificio na rúa Xoan XXIII, de mais de 50 anos e que orixinalmente fora un sanatorio cirúrxico, obsoleto en canto a súa distribución e trazado, polo que García Comesaña destacou que a obra “será un exemplo do que de verdade significa un antes e un despois” e “permitirá unificar servizos, integrando a totalidade dos que actualmente se atopan no Novoa Santos e parte dos que alberga o Centro de Especialidades da rúa Concello, como o punto de atención continuada e a unidade de saúde mental”.

Ademais, a nova dispoñibilidade de espazo permitirá incorporar novos servizos como programas de rehabilitación integral: solo pélvico, enfermidades musculoesqueléticas e rehabilitación cardíaca, ademais de ampliar a dotación de recursos, estruturais, diagnósticos e humanos. Máis de cen profesionais traballando xuntos e coordinadamente.

Debido a que o edificio non foi concibido como un centro de saúde, son patentes nel as barreiras arquitectónicas nos accesos, así como a distribución labiríntica das comunicacións interiores. Por elo, Julio García Comesaña, subliñou que os espazos do novo CIS gañarán, non só en accesibilidade e en funcionalidade, senón que tamén en conectividade, luminosidade, independencia, flexibilidade e versatilidade.

En canto á súa distribución, o novo CIS Novoa Santos disporá dunha área asistencial de atención clínica, con 33 consultas de medicina, enfermería, farmacia, odontoloxía e hixienista; 4 salas polivalentes e 4 salas de docencia; ademais das correspondentes salas de técnicas, de tomas de mostras e de espera de pacientes. Área de pediatría, con 4 consultas, médicas e de enfermería, cunha sala polivalente e unha sala de lactancia. A elo engádese a Área de atención á muller con 2 consultas. Ademais, seguirá incluindo o Centro de Orientación Familiar (COF) con dúas consultas de obstetricia, unha consulta de enfermería e unha consulta de psicoloxía.

Xunto a ellas, as novas unidades, como a Área Integral de rehabilitación, cunha consulta de fisioterapia, un ximnasio con 6 cabinas de tratamento e unha sala de rehabilitación cardíaca; a Área de saúde mental, con 17 consultas: psiquiatría, enfermería, traballo social, psicoloxía e docencia; a Área de radiodiagnóstico, cunha nova sala, específica de diagnóstico por ultrasóns, de nova creación, e unha sala de ecografía, ademais dunha Área específica de Telemedicina.

A nova Área de urxencias acollerá o PAC de Ourense, onde contará con 7 consultas, 4 salas –unha delas de illamento e con renovación de aire- outra de observación con 4 postos e outra de reanimación con 2 postos.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

García Comesaña avanzou tamén que a Xunta realizará neste ano reformas noutros tres centros de saúde da urbe ourensá, coa reforma interior do Centro de Saúde de A Cuña (Mariñamansa) para a creación de novos espazos e con obras de mellora de eficiencia enerxética e das instalacións térmicas nos centros de saúde de A Carballeira e A Ponte.
Asemade, destacou na provincia de Ourense a próxima construción ou reforma de 13 centros de saúde máis: un novo centro de saúde na Rúa, cuxo convenio xa está asinado co Concello; as obras de reforma -xa licitadas- dos de Ribadavia e Arnoia, xa licitado; así como convenios para reformar os de Rairiz de Veiga, O Bolo e Amoeiro, dixo, anunciando tamén a sinatura, proximamente, dos acordos para remodelar os de Beariz, Castro Caldelas, Castrelo de Miño, Lobios, Maside, Baltar e Vilardevós.

O conselleiro de Sanidade destacou que “seguimos, pois, impulsando a renovación integral da atención primaria en Galicia”, subliñando que, desde o ano 2009, a Xunta construíu ou reformou 87 centros de saúde en toda a Comunidade. Conxuntamente coas 7 obras que están agora mesmo en marcha, isto supón a actuación sobre máis de 74.000 metros cadrados e o investimento de máis de 115 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas