O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro acompañado da alcaldesa mosense, Nidia Arévalo

A Xunta sufraga melloras na escola infantil de Mos-Porteliña por un importe de 47.000 euros

Actuarase sobre a ventilación, a iluminación e o illamento térmico do equipamento

O Concello executará as obras ao longo do vindeiro mes de agosto, que serán financiadas polo Consorcio mediante a compensación das liquidacións que corresponde á Administración local aboar por este servizo público

Mos (Pontevedra), 23 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia sufragará varias obras de mellora na escola infantil de Mos-Porteliña, pertencente á rede pública autonómica, que contan cun orzamento de 47.200 euros e que se desenvolverán durante o mes de agosto aproveitando o período de vacacións no centro. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e a alcaldesa deste concello pontevedrés, Nidia Arévalo, visitaron hoxe as instalacións para dar conta destes traballos, que estarán rematados para o inicio do novo curso escolar en setembro.

Perfecto Rodríguez explicou que a intervención céntrase, fundamentalmente, na mellora do illamento térmico da escola, así como en aspectos relacionados coa seguridade. Así, actuarase na fachada; nas carpinterías de aluminio e madeira; nas instalacións de ventilación, fontanería e iluminación; e substituiranse os pavimentos exteriores deteriorados por outros novos.

As tarefas proxectadas axústanse ás necesidade postas en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e municipais. A execución dos traballos correrá a cargo do Concello e serán financiados polo ente autonómico mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público.

Instalacións de primeiro nivel

O xerente do Consorcio apuntou que o obxectivo destas obras é “seguir mellorando as nosas escolas infantís para poñer a disposición das familias galegas e os seus nenos unha atención educativa e uns coidados de calidade nuns centros de primeiro nivel”.

A escola comezará o día 6 de setembro o novo curso cunha trintena de nenas e nenos de 0 a 3 anos matriculados.

Imaxes relacionadas