A Xunta actualiza a orde de axudas para financiar a adquisición de vehículos para os corpos das policías locais, que agora deberán ser híbridos ou eléctricos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, explicou hoxe en rolda de prensa as axudas que están destinadas para o financiamento de vehículos eléctricos ou vehículos híbridos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco, ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental

A orde das axudas, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, van destinadas ás cotas mensuais do renting do vehículo durante un período máximo de 48 meses. Financiarase ata un máximo do 75% do custo total das cotas do renting, cun límite de 33.600 euros de subvención por concello

As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, explicou hoxe en rolda de prensa as axudas de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva dirixidas a concellos de Galicia para o financiamento de vehículos, mediante o sistema de renting, para os corpos de policía local, ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental.

A novidade na orde, que hoxe sae publicada no Diario Oficial de Galicia e que conta cun orzamento de 1.075.200 euros, é que os vehículos subvencionados deberán ser eléctricos ou híbridos que teñan distintivo ambiental Cero emisións ou Eco.

As axudas van destinadas ás cotas mensuais que deba aboar o concello beneficiario polo renting do vehículo durante un período máximo de 48 meses. Financiará ata un máximo do 75% do custo total das cotas do renting, cun límite de 33.600 euros de subvención por concello.

Os vehículos deberán ser turismos ou SUV adscritos ao servizo do corpo de policía local. Estarán especialmente equipados e transformados para o cumprimento das súas funcións, e incluirán os elementos de configuración externa e o deseño para a marcación e rotulación dos vehículos a disposición das policías locais e vixilantes municipais recollidos na Orde do 29 de decembro de 2010 da Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza.

Poderán ser beneficiarios das axudas os concellos que teñan subscrito ou vaian a suscribir un contrato de renting con data igual ou posterior ao 1/01/2021 con menos de 50.000 habitantes e coa conta xeral do concello do ano 2019 remitida ao Consello de Contas.

Como indicou a directora xeral de Administración Local, “desde a Xunta imos seguir traballando para acadar unha Galicia cada vez máis segura coa cesión de material aos concellos galegos, tanto aos Grupos de Emerxencia Municipal como ás agrupacións de Protección e tamén ás policías locais”. Desde xeito, subliñou Natalia Prieto, “a Xunta segue a demostrar o seu compromiso nun eido tan importante para a ciudadanía como a seguridade dos cidadáns, ademais de fomentar o uso de vehículos non contaminantes”.

As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá.