A Xunta apoia o proxecto dunha firma lucense que incorporará a ‘street view’ unha representación virtual do Camiño Francés

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Palas de Rei na presentación da iniciativa ‘Camiño Visor’, que percorre a pé a ruta entre Pedrafita e Santiago capturando imaxes panorámicas en 3D que despois difundirá a nivel global

Arias salientou que o programa do Goberno galego ‘O Teu Xacobeo’ permite “sumar centos de iniciativas como esta que poñen en valor o contexto universal do Camiño neste Ano Santo tan particular”
 

Palas de Rei (Lugo), 23 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia apoia o proxecto Camiño Visor, impulsado pola empresa lucense Ceres Ingeniería co obxectivo de obter unha representación virtual do Camiño Francés entre Pedrafita do Cebreiro e Santiago de Compostela e difundir as imaxes a nivel global a través do servidor de mapas de Google.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou hoxe en Palas de Rei na presentación desta iniciativa, que recibe unha achega de 20.500 euros a través do programa O Teu Xacobeo.

O traballo consiste na representación virtual do Camiño mediante a captación de imaxes panorámicas en 3D e xeoreferenciadas, empregando sofisticadas cámaras dotadas de sensores GPS de alta precisión, do mesmo xeito que as que se montan en vehículos, para a realización de Street View (ferramenta que permite visualizar unha ubicación mediante fotografías panorámicas a pé de rúa).

Para iso, os promotores fan o percorrido a pé, o que lles permite chegar a localizacións ás que non se accede en coche e incorporar contido novo que actualmente non está dispoñible para visitar de xeito virtual con Street View. Ademais, ofrece a posibilidade de engadir comentarios, fotografías e etiquetas.

O proxecto desenvólvese na parte do traxecto que discorre por territorio galego, que comprende os municipios de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela.

Arias destacou que a nova aplicación “aumentará o impacto do Camiño Francés ao facer máis visibles os seus recunchos en todo o mundo”, amplificando así a difusión “da riqueza natural, cultural e humana do Camiño de Santiago” e sumando novas vías de promoción “de todos os recursos que ofrece, incluídos negocios e establecementos”.

“O teu Xacobeo permite sumar centos de iniciativas como esta que poñen en valor o contexto universal do Camiño neste Ano Santo tan particular”, dixo Arias, e constitúen “un gran instrumento para difundir o noso medio rural” e para “potenciar a ruta e o Xacobeo, que para a Xunta serán claves na recuperación económica e social de Galicia”.

Por último, Arias lembrou que no conxunto das dúas edicións de O teu Xacobeo desenvolveranse en toda a Comunidade máis de 400 propostas socioculturais aprobadas nas que a Xunta está a investir preto de 8 millóns de euros co obxectivo de facer desta celebración do Xacobeo 2021-20212 a celebración máis viva, segura, integradora, ampla e diversa posible.
 

Imaxes relacionadas