Galicia dá un salto de calidade na actividade cirúrxica coas primeiras intervencións realizadas con apoio dos robots Da Vinci

As sete áreas sanitarias utilizaron esta semana os sistemas de cirurxía robótica para realizar extirpacións totais da próstata en pacientes con cancro nesta glándula

O Sergas xa está a planificar os programas de xinecoloxía e de cirurxía xeral para iniciar a súa formación, e que, en setembro e outubro, poidan incorporarse ao uso desta tecnoloxía
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, en rolda de prensa, o salto de cualidade experimentado polo sistema sanitario público galego trala xeneralización do uso da cirurxía robotizada logo de que, nesta semana, as sete áreas sanitarias do Sergas completaran con éxito as súas primeiras intervencións cirúrxicas realizadas co apoio dos robots DaVinci adquiridos este ano pola Xunta de Galicia. Tratouse de prostatectomías radicais, é dicir, extirpacións totais da próstata en 18 pacientes con cancro nesta glándula. O pasado martes operouse a nove doentes, e o mércores a outros nove.

Tal e como detallou o conselleiro, quen estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, a Xunta de Galicia vén traballando con intensidade no desenvolvemento desta tecnoloxía desde que o pasado 12 de maio o Consello da Xunta aprobara a adquisición destes 7 equipos cun investimento de 20,5 millóns de euros. Desde ese momento, a Consellería de Sanidade organizou reunións cos xefes de servizo das áreas especializadas en uroloxía, xinecoloxía, otorrinolaringoloxía e cirurxía xeral para definir o proceso de implantación e o uso destes novos equipos.
Así, os equipos de uroloxía dos sete hospitais do Sergas recibiron formación entre o 6 e o 15 de xullo e traballaron con especialistas de hospitais do resto do Estado familiarizados con esta tecnoloxía, facendo observación de casos e recibindo titorías para afrontar estas primeiras cirurxías. O pasado luns, os equipos de todas as áreas fixeron un simulacro de primeira cirurxía e o martes comezaron a operar.

A intención da Xunta de Galicia, explicou o conselleiro, é levar a cabo un desenvolvemento progresivo e homoxéneo da utilización desta tecnoloxía en todo o Sergas. Así, definiranse uns indicadores de calidade en canto a resultados e acordarase, mediante unha Comisión Central de Robótica do Sergas na que estarán integradas representantes das distintas especialidades implicadas no uso desta tecnoloxía, a porcentaxe de tempo de uso destes equipos que corresponderá a cada especialidade para que sexa igual nas sete áreas sanitarias.

O Sergas xa está a planificar a concreción dos equipos e profesionais que comecen o programa de xinecoloxía e cirurxía xeral en cada un dos sete hospitais da rede sanitaria pública galega, para iniciar a súa formación, e que, nos meses de setembro e outubro, poidan comezar a súa actividade cirúrxica.

Maior precisión e redución da dor e da estadía postoperatoria

Na rolda de prensa, á que asistiron por video conferencia representantes dos equipos cirúrxicos das sete áreas sanitarias, o doutor Andrés Rodríguez Alonso, xefe do servizo de Uroloxía de Ferrol amosou a súa satisfación polo éxito desta primeira experiencia co uso dos robots DaVinci; e explicou as súas vantaxes, como é a facilitación da visión e os movementos do cirurxián, permitíndolle actuar con maior precisión e, ademais, evitando a perda de sangue e reducindo, por tanto, a necesidade de transfusións nos pacientes.
Outras das vantaxes son, a redución da dor e a estadía media postoperatoria dos pacientes, e evitar as secuelas e complicacións dos doentes.

En concreto, no caso das prostatectomías realizadas, a maior precisión das intervencións apoiadas en cirurxía robótica reduce notablemente as posibilidades de que os pacientes sufran de impotencia ou de incontinencia urinaria, como consecuencia da intervención.
60 millóns de euros en modernización de tecnoloxía

O máximo responsable sanitario destacou que os orzamentos da Xunta para este ano reservaron 60 millóns de euros para un Plan de renovación e modernización do equipamento tecnolóxico da sanidade pública. Ademais destes sete equipos de cirurxía robotizada, o pasado mes de marzo, licitáronse 37 equipos radiocirúrxicos e onte licitáronse ecógrafos para incorporar nos servizos de radioloxía de 20 centros sanitarios.
Anunciou, así mesmo, a previsión de máis licitacións para equipamento diagnóstico de radioloxía e ecografía, e equipamento cirúrxico como estacións de quirófano, mesas, lámpadas ou torres de laparoscopia.
 

Imaxes relacionadas