O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe en Sanxenxo ao izado da bandeira de Galicia Calidade no Club Deportivo Nauta e no Real Club Náutico

Conde destaca que a bandeira de Galicia Calidade ondeando nos principais portos deportivos galegos reivindica o potencial de Galicia como destino turístico

Apunta que 14 náuticos galegos xa dispoñen desta acreditación, dos que once contan, ademais, coa bandeira azul

Subliña que é o momento de reivindicar todo este potencial porque este tipo de instalacións contribúen á recuperación do sector e a xerar unha oferta turística de calidade e competitiva en Galicia

Sanxenxo (Pontevedra), 23 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, recoñeceu hoxe que a bandeira de Galicia Calidade ondeando nos principais portos deportivos galegos reivindica Galicia como destino turístico sustentable, seguro e de calidade e contribúe á recuperación do sector.

Conde asistiu hoxe en Sanxenxo ao izado da bandeira de Galicia Calidade no Club Deportivo Nauta e no Real Club Náutico. E tamén esta mañá o director xeral de Comercio, Manuel Heredia, facía o propio no Club Náutico de Portonovo. Unha acreditación que xa dispoñen 14 portos deportivos galegos dos que once —entre os que se atopan Sanxenxo e Portonovo— contan, ademais, coa bandeira azul. Segundo apuntou, Galicia é líder, tamén, en número de náuticos recoñecidos coa Q de Calidade Turística de España, con seis de cada dez instalacións con este distintivo.

Segundo dixo, é o momento de reivindicar todo este potencial porque este tipo de instalacións contribúen a xerar unha oferta turística de calidade e competitiva en Galicia. A bandeira de Galicia Calidade recoñece a súa localización, o equipamento do que dispoñen e os servizos que ofrecen, en moitos casos, cunha oferta gastronómica que acrecenta o seu atractivo turístico.

A Xunta vén de presentar o Plan Galicia destino seguro 2021-2023, dotado con 478M€ e que vai mobilizar 950M€ para impulsar a recuperación dun sector co que a Administración autonómica vén traballando man a man. Nese sentido, o vicepresidente económico sinalou que a bandeira de Galicia Calidade vai ser un reclamo para impulsar este sector reivindicando aquilo que o fai un destino único e exclusivo: a calidade.

Imaxes relacionadas