Fernández-Tapias salienta a importancia da Ruta de “O Cabaleiro das Cunchas” na difusión da tradición marítima xacobea

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou hoxe na presentación da XI edición desta cita de sete etapas náuticas na que participarán entre 12 e 15 embarcacións españolas e portuguesas do 31 de xullo ao 8 de agosto

Destaca a contribución da Asociación de Amigos da Ruta Marítima do Apóstolo Santiago a Galicia á recuperación, promoción e defensa da Traslatio

Vigo, 23 de xullo de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe na presentación da XI edición da Ruta de “O Cabaleiro das Cunchas” na que tomarán parte, a partir do próximo 31 de xullo e ata o 8 de agosto, entre 12 e 15 embarcacións españolas e portuguesas cuns 60 navegantes.

No acto de presentación, xunto a Javier Grande, presidente da Asociación de Amigos da Ruta Marítima do Apóstolo Santiago a Galicia, o presidente da Fundación Traslatio, Mario Cardama, e o presidente do Liceo Marítimo de Bouzas, Miguel Pereira, a representante autonómica salientou a importancia desta travesía náutica de preto de 300 millas na difusión da tradición marítima xacobea.

“Esta gran ruta marítima reflexa fielmente o espírito que compartimos, o da ilusión por vivir o Camiño de Santiago e a cultura Xacobea”, dixo, para acto seguido destacar a contribución da Asociación de Amigos da Ruta Marítima do Apóstolo Santiago a Galicia á recuperación, promoción e defensa da Traslatio.

Así, tras salientar a importancia desta ruta na difusión da tradición marítima xacobea, Fernández-Tapias tivo un recordo especial para Paulino Freire, o que fora Confrade Maior do Santísimo Cristo dos Aflixidos e un dos maiores defensores da tradición de Bouzas e impulsores desta ruta marítima. “Paulino estaría muy orgulloso de ver como se celebra o próximo ano a Iacobus Maris, que fará realidade o soño polo que tanto pelexou, polo que tanto pelexastes”, dixo.

A celebración da Iacobus Maris, que tivo que ser aprazada ao 2022 por mor da pandemia, reproducirá a ruta marítima máis longa da historia, a seguida polos Discípulos co corpo do Apóstolo desde Jaffa a Iria Flavia, e que contará co apoio do Xacobeo 21-22, tal e como apuntou a delegada territorial.

Xa por último, Fernández-Tapias quixo agradecer á Asociación de Amigos da Ruta Marítima do Apóstolo Santiago a Galicia a confianza depositada nela este ano como oferente ao Apóstolo o vindeiro 7 de agosto na Catedral de Santiago.

Imaxes relacionadas