A directora xeral de Patrimonio Natural inaugurou unha xornada informativa do ciclo Coñece a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia

A Xunta lembra que a reserva da biosfera río Eo, Oscos e Terras de Burón se beneficiará dos 6,4 M€ dos fondos europeos de recuperación

Belén do Campo avanza que estes incentivos se sumarán aos xa destinados polo Goberno galego en axudas directas aos concellos, que no caso deste espazo foron 150.000 euros nos últimos tres anos

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, avanzou que nos vindeiros meses a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón poderá beneficiarse da partida europea de 6,4 millóns de euros do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Así o adiantou esta mañá durante a súa intervención telemática nunha xornada do ciclo Coñece a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, onde aclarou que o Goberno central confirmou recentemente o reparto definitivo para financiar proxectos e actuacións en materia de conservación e restauración dos ecosistemas e da súa biodiversidade, así como de mellora da gobernanza das reservas e fomento de actividades sostibles.

No caso concreto das reservas da biosfera de Galicia, a terceira comunidade que máis fondos obterá grazas ao labor de intermediación da Xunta, estes ámbitos recibirán un total de 6,4 millóns de euros.

A directora xeral indicou que estes incentivos se sumarán ás axudas concedidas polo Goberno galego, unha das primeiras administracións públicas en habilitar liñas de axudas para mellorar e conservar as condicións destes espazos, e que no caso concreto da Reserva Río Eo, Oscos e Terras do Burón –formada por sete municpios- se traduce nun investimento de 150.000 euros en axudas directas aos concellos nos últimos tres anos. Neste tempo, recordou Do Campo, en toda Galicia mobilizouse un orzamento de 1,8 millóns de euros destinado ás Reservas.

Por último, salientou que unha das peculiaridades desta Reserva é o feito de compartir terreos co Principado de Asturias, polo que a Xunta defende artellar e poñer en marcha proxectos que beneficien os valores naturais de ambas comunidades.
 

Imaxes relacionadas