O conselleiro de Cultura participa na Conferencia Sectorial en Madrid

Román Rodríguez agarda que o Real Padroado sexa o primeiro paso para que o goberno se comprometa co Xacobeo

Tende a man para que se converta nun punto de inicio para fortalecer a rede de apoios e sexa un instrumento de colaboración institucional clave na década xacobea

Avanza que Galicia levará ambiciosos proxectos a este encontro, que se celebrará o domingo despois de 18 anos, e lembra o forte investimento do Goberno galego na cidade para preparar o Ano Santo e mellorar a vida dos veciños de Compostela

Solicita ao ministro Iceta un reparto máis xusto, equilibrado e dialogado dos fondos europeos dado que o Goberno prevé reservarse o 69% e distribuír entre todas as comunidades autónomas o 31%

Madrid, 23 de xullo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe en Madrid na Conferencia Sectorial de Cultura, na que foi a primeira toma de contacto co novo ministro, Miquel Iceta. Durante o encontro reclamou unha implicación real e efectiva do Goberno central co Xacobeo 21-22.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade demandou un maior compromiso do Goberno de España con Galicia cun evento único que contribúa á recuperación do país. “Coa celebración dobre do Ano Santo e a proximidade do seguinte en 2027, estamos ante unha ocasión para maximizar a recuperación do tecido cultural e para proxectar unha imaxe de normalidade en todo o mundo”, indicou.

Neste sentido, apuntou á celebración do Real Padroado da cidade de Santiago, que terá lugar o domingo despois de 18 anos, como un encontro clave que permita fortalecer a rede de apoios e se converta nun primeiro punto de inicio para que o Goberno central se comprometa na celebración do Xacobeo. Garantiu o compromiso da Xunta, que levará ambiciosos proxectos a esta reunión, e lembrou o forte investimento do Goberno galego nos últimos anos na cidade para preparar o Xacobeo e mellorar a vida dos veciños de Compostela.

O encontro tamén abordou a distribución dos fondos europeos. O conselleiro reclamou ao ministro Iceta sensibilidade coa España autonómica para garantir un reparto xusto e equilibrado, dado que o Goberno prevé reservarse o 69% e distribuír entre todas as comunidades autónomas o 31%.

“Parécenos que a distribución non está exenta de certa arbitrariedade e formula dificultades á hora de aplicalos”, expresou. Neste sentido, recordou que Galicia foi a primeira comunidade en contar cun Plan de Reactivación para o sector cultural “que permitiu garantir a continuidade da gran maioría de proxectos en vigor e que este verán favorece a celebración de máis de 3.000 actividades”, engadiu.

Máis diálogo

Para garantir unha resposta compartida nesta recuperación apuntou á coordinación como peza fundamental. Neste sentido, indicou a necesidade de que a asignación destes fondos sexa de xeito dialogado. “Non podemos consentir que se asignen fondos europeos sen unha consulta previa ás comunidades autónomas para enriquecer o criterio de reparto”, para o que solicitou tamén información de cada un dos avances que se produzan nesta materia. “Só deste modo se poderán deseñar propostas ambiciosas que beban do consenso democrático e a participación colectiva”, expresou.

O representante da Xunta de Galicia agradeceu tamén que nos seus primeiros días no cargo o novo ministro Iceta convocase unha Conferencia Sectorial e confiou en que se converta nunha práctica habitual e nun foro de “permanente diálogo con todas as comunidades autónomas polo ben dun sector fundamental do país”.

Imaxes relacionadas