Un cento de mozos e mozas participarán este verán nos campamentos de música e tecnoloxía que ofrece a Xunta no albergue LUG II

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou aos 30 rapaces de 15 a 17 anos que asisten desde o mércores á segunda quenda da actividade ‘O Musical’, que combina a temática artística con programación lúdica e deporte

En agosto, as instalacións acollerán o campamento ‘Aych Tecnolóxico’, ao que están convocados 40 participantes de distintos puntos de Galicia

Lugo, 23 de xullo de 2021

Un cento de mozos e mozas de 15 a 17 anos procedentes de distintos concellos galegos participarán este verán nos campamentos de música e tecnoloxía que ofrece a Consellería de Política Social no albergue xuvenil LUG II, situado na cidade de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe aos 30 rapaces e rapazas que asisten desde o pasado mércores á segunda quenda do campamento ‘O Musical’, que se desenvolve este mes en dous turnos dunha semana de duración.

A iniciativa compaxina a temática artística cun programa lúdico e deportivo. Así, os participantes terán ‘masterclasses’ e elaborarán un musical, traballando todos os elementos que compoñen este espectáculo (guión, canto, teatro, montaxe de decorados...). Tamén irán á piscina e farán kaiak, escalada e BTT.

A partir do 1 de agosto comenzará o campamento ‘Aych Tecnolóxico’, ao que están convocados 40 mozos en dúas quendas dunha semana. Os rapaces combinarán a aprendizaxe no campo da tecnoloxía con actividades de aventura.

Así, achegaranse ao ‘Design thinking’, impresión en 3D, prototipaxe, comunicación dixital e robótica; pero tamén terán tempo para practicar escalada en rocha e rocódromo, tiro con arco e actividades acuáticas.

Máis seguridade

A Xunta de Galicia puxo en marcha unha campaña de verán con actividades con todas as garantías de seguridade. Neste ano manterase e reforzarase o protocolo específico fronte á covid-19 para facer desta programación unha opción de ocio seguro. A novidade deste protocolo é que os participantes e os monitores deberán realizar unha proba de antíxenos totalmente gratuíta á súa entrada no campamento. Durante a pasada edición non se rexistrou ningún caso positivo nin entre os seus participantes nin entre os profesionais.

Arias animou aos rapaces a desfrutar da estadía e destacou a gran demanda que teñen cada ano os campamentos de verán impulsados pola Xunta, que “ofrecen á mocidade un ambiente lúdico no que ampliar coñecementos en áreas do seu interese, divertirse de forma saudable e aprender a convivir fóra do ámbito familiar”, salientou.

No conxunto da provincia de Lugo, este verán a Consellería de Política Social impulsa campamentos en sete concellos, que contan con 1.383 prazas para nenos e nenas de 9 a 17 anos.

Imaxes relacionadas