A Xunta mellora a contorna do centro de saúde de Arcade para uso da veciñanza e área de descanso dos peregrinos do Camiño Portugués

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda asinou esta mañá co alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera o protocolo de acondicionamento da contorna do Centro de Saúde

Alfonso Rueda indicou que este é un enclave singular do Camiño Portugués, un dos que máis está a medrar nos últimos anos en número de visitantes, de aí a importancia da obra. Agradeceu a implicación de concellos como o de Soutomaior na conservación da ruta e a promoción do Camiño e do Xacobeo

A Xunta está a levar a cabo unha serie de actuacións para a humanización e embelecemento da contorna das diferentes rutas do Camiño cun investimento que este ano acada 1,5M€
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias asinou esta mañá co alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, o protocolo de acondicionamento da contorna do Centro de Saúde para uso da veciñanza e zona de descanso dos peregrinos do Camiño Portugúes.

Segundo explicou o vicepresidente primeiro, coa sinatura deste convenio pretendese mellorar a mobilidade e a seguridade na contorna do centro de saúde para recuperar un lugar de uso colectivo e encontro social, así como mellorar tamén o alumeado público. Ademais de recuperar un espazo para os veciños e un área de descanso para os peregrinos. Con esta finalidade, a Xunta inviste, a través da Axencia Turismo de Galicia, algo máis de 130.000 euros.

As obras perseguen dotar dunha maior mobilidade, sustentabilidade e habitabilidade, mediante a mellora da mobilidade e seguridade viaria dos peóns en toda a contorna, dotando de beirarrúas, aparcamentos, renovando o firme e regulando a circulación; e cunha mellora da iluminación.

Alfonso Rueda indicou que este é un enclave singular do Camiño Portugués, un dos que máis está a medrar nos últimos anos en número de visitantes, de aí a importancia esta obra. Agradeceu a implicación de concellos como o de Soutomaior na conservación da ruta e a promoción do Camiño e do Xacobeo.

A Xunta está a levar a cabo unha serie de actuacións para o embelecemento de enclaves singulares no Camiño de Santiago, coa finalidade de acondicionar a paisaxe e os valores culturais ligados aos distintos Camiños. Apoiando as ideas e iniciativas de concellos polos que pasan as distintas rutas e particulares neste Xacobeo . Nestas medidas para a humanización e embelecemento da contorna das diferentes rutas do Camiño o investimento deste ano acada 1,5M€.
 

Imaxes relacionadas