A Xunta de Galicia licita as obras de mellora da escola infantil As Marismas en Redondela cun orzamento de máis de 96.000 euros

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o centro de educación infantil

As reformas centraranse na substitución de todas as carpinterías exteriores

O prazo para presentar as ofertas rematará o 3 de agosto
 

Redondela (Pontevedra), 23 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras de mellora na escola infantil pública As Marismas de Santa Mariña que contarán cun investimento de máis de 96.000 euros cofinanciados entre o Goberno galego e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Así o anunciou hoxe o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, na súa visita ao centro infantil de Redondela, onde concretou que o prazo de presentación de ofertas se abriu o pasado mércores, día 21.

O representante autonómico explicou que as reformas se executarán principalmente durante o mes de agosto, e que consistirán na substitución de todas as carpinterías exteriores do centro. Esta escola infantil pública de titularidade autonómica conta con seis aulas que permiten acoller a 94 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos.

Durante a visita Jacobo Rey subliñou o compromiso da Administración autonómica cos proxectos dirixidos aos máis novos, xa que eles constituirán a sociedade do futuro e deben recibir a mellor formación posible coas maiores garantías. O director xeral tamén recoñeceu o labor do persoal deste centro, dedicado a educar e coidar aos máis pequenos.
 

Imaxes relacionadas